O xerente do Consorcio visitou hoxe a escola infantil e o centro de día de Portas

A Xunta informa en Portas sobre a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos

A escola infantil conta con tres unidades e 41 prazas

O centro de día con 40 prazas está ocupado na súa totalidade

Portas (Pontevedra), 9 de marzo de 2020

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe en Portas a escola infantil e o centro de día acompañado polo alcalde do municipio Ricardo Martínez Chantada.

En primeiro lugar, achegouse ata a escola infantil, onde 38 nenas e nenos acoden a diario a este centro que conta con tres unidades e 41 prazas, das que unicamente permanecen vacantes as prazas reservadas a emerxencia social. Aproveitou a visita para informar sobre a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos nas escolas de titularidade autonómica a partir do vindeiro 1 de abril e recordou que as familias non deberán levar a cabo ningún trámite e a súa aplicación será automática no relativo á atención educativa.

Despois achegouse ata o centro de día, onde o xerente destacou a satisfacción dos usuarios con este recurso que conta coas súas 40 prazas ocupadas. Recordou que este tipo de centros prestan un servizo de carácter supramunicipal, xa que ademais de contar con 13 usuarios do propio concello de Portas, o resto son empadroados en concellos da contorna como Caldas de Reis, Meis, Barro ou Vilagarcía de Arousa.