Feijóo refírese á conciliación da política e da economía como elemento clave para que Galicia siga sendo unha comunidade estable e solvente
“A política e a economía han de entenderse, non poden vivir de costas”, di, incidindo en que Galicia cree na política e na economía, e “en xestionar con paixón pero, tamén, en xestionar a realidade”
Apela á colaboración institucional para afrontar problemas comúns: “As comunidades autónomas cumpridoras podemos facer grandes cousas”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á conciliación da política e da economía como elemento clave para que Galicia siga sendo unha Comunidade estable e solvente. “A política e a economía han de entenderse, non poden vivir de costas”, dixo, incidindo en que Galicia cre na política e na economía e, “en xestionar con paixón pero, tamén, en xestionar a realidade”.
Durante a xornada A transformación dos negocios en Galicia organizada pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD), Feijóo referiuse á inestabilidade política e á desigualdade do sistema, que está a empezar a fracturarse, rompendo con agravios comparativos a solidariedade e a igualdade de oportunidades que caracterizou os 40 anos de democracia, como as dúas ameazas máis importantes neste momento. E apelou á necesaria colaboración institucional para afrontalas.
“As comunidades autónomas cumpridoras podemos facer grandes cousas”, aseverou, recordando, a modo de exemplo, que a aposta pola colaboración fixo posible que as comunidades máis afectadas polo reto demográfico “nos uníramos para demandar solucións ante un reto ineludible como é o demográfico”.
“E tamén apostamos pola colaboración autonómica para poñer no mapa o corredor atlántico”, expuxo, lembrando que con esta filosofía de que a problemas comúns son necesarios solucións comúns, Galicia uniuse tamén a Asturias e Cantabria para presentar alegacións ao estatuto electrointensivo do Goberno central, e pedir ao Estado que non active políticas enerxéticas improvisadas, que confundan transición enerxética cunha rotura abrupta do modelo enerxético.
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta incidiu en que a colaboración entre institucións non só é posible senón necesaria, e asegurou que, por este motivo, Galicia seguirá defendendo, tamén, a necesidade de establecer unha folla de ruta clara que garanta carga de traballo para o naval da comarca de Ferrol.
“Galicia non pode asumir que esta comarca quede sen carga de traballo durante, polo menos, dous anos”, abundou, trasladando ademais a preocupación polos cambios constantes dos prazos do AVE, para os que reclamou información “oficial, real e contrastable”; así como ante a negociación dos fondos europeos, nos que Galicia xógase máis de 600 millóns de euros ao ano.
O titular da Xunta concluíu resaltando que a colaboración tamén é precisa no ámbito da política dixital. Non en van, a Comunidade galega aspira a ser a primeira en contar cunha estratexia dixital para abordar a próxima década e que pivotará arredor de dous eixes: a capacitación dixital da sociedade; e o posicionamento de Galicia tanto en tecnoloxías de altas prestacións como en intelixencia artificial.
Ao respecto, recordou que a galega é unha das comunidades que conseguiron un proxecto piloto do Estado, ademais de asinar coa Universidade de Vigo un convenio para poñer en marcha un Laboratorio 5G aberto ás empresas.