O presidente da Xunta participou esta tarde na celebración do XI Congreso das persoas traballadoras autónomas

Feijóo destaca o peso dos autónomos e das pemes na economía galega e anímaos a seguir apostando pola innovación permanente para chegar desde o local ao mercado global

Na véspera do Día Internacional da Muller, salienta que máis da metade da actividade emprendedora na comunidade –o 57,66%- está encabezada por mulleres

Sobre a consolidación do emprego autónomo, afirma que o 73% destes profesionais supera os tres anos á fronte do seu negocio, case sete puntos máis que a media nacional

Avoga por seguir impulsando un clima favorable, onde unha idea de negocio se poida consolidar con garantías e para que sexan moitas outras as que pasen de ser un proxecto a unha realidade
 

Sanxenxo (Pontevedra), 7 de marzo de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o peso dos autónomos e das pemes na economía galega, e animounos a seguir apostando pola innovación permanente para chegar desde o local ao mercado global.

Durante a celebración do XI Congreso das persoas traballadoras autónomas, Feijóo aseverou que a economía galega ten nos autónomos e nas pemes o seu elemento definitorio. Non en van, 1 de cada 5 traballadores galegos é autónomo e o 99% do tecido empresarial galego confórmano pequenas e medias empresas.

Así mesmo, e na véspera do Día Internacional da Muller, o titular do Goberno galego apuntou algúns datos que, se cabe, cobran maior dimensión. Así, Galicia ten a maior taxa de mulleres autónomas de toda España, un 42,3% fronte ao 35,7% do Estado; máis da metade da actividade emprendedora na comunidade –o 57,66%- está encabezada por mulleres; e son mulleres tamén as que ocupan 1 de cada 3 postos de dirección ou xerencia nas empresas galegas (33,2%).

Nesta liña, e se ben aínda queda moito por facer, avogou por continuar traballando para consolidar e mellorar estas cifras, fomentando a contratación, o emprendemento e a formación.

Ao longo da súa intervención, Feijóo puxo en valor o labor de APE-Galicia que, cos case 60.800 traballadores autónomos galegos que representa, a través de 66 organización asociadas, reflicte o verdadeiro valor do asociacionismo empresarial. E incidiu na súa disposición a cooperar coas administracións para identificar e afrontar xuntos os retos futuros.

Ao respecto, salientou que, cando se fala de consolidación do emprego autónomo, Galicia é un exemplo, xa que o 73% destes profesionais supera os tres anos á fronte do seu negocio, case sete puntos máis que a media nacional.

“O obxectivo, polo tanto, pasa por seguir impulsando un clima favorable, onde unha idea de negocio se poida consolidar con garantías e para que sexan moitas outras as que pasen de ser un proxecto a unha realidade”, abundou, incidindo na importancia de contar cunha folla de ruta elaborada cos principais axentes do sector, que facilite a apertura dun negocio e a súa consolidación, ou mesmo para poder retomar unha idea de negocio se nun primeiro intento saíu mal.
 

Imaxes relacionadas