Sanidade continúa o estudo dos contactos do cuarto caso confirmado e mantén reunións coa Anpa e a dirección do IES de Moaña onde cursa estudos

Trátase dun brote de vínculo familiar xa que o menor é fillo da muller diagnosticada onte por coronavirus na área sanitaria de Vigo

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, informou esta tarde de que continúa aberta o estudo de contactos do cuarto caso diagnosticado de coronovirus en Galicia. Trátase dun menor, fillo da muller que dera positivo onte na área sanitaria de Vigo. Actualmente está ingresado en planta no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Os técnicos da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra acudiron hoxe ao IES de Moaña, onde cursa estudios o menor para informar tanto á dirección do centro como á asociación de nais e pais (ANPA) sobre os protocolos que deben aplicarse.

Os contactos do caso confirmado están sendo identificados e categorizados en función do grao de exposición, puidendo ser contactos estreitos ou casuais. Os contactos estreitos, de forma xeral, poderán seguir acudindo ao centro educativo, e se lles realizará unha vixilancia activa durante os 14 días posteriores á última exposición co caso confirmado.

Os técnicos de Sanidade insistiron nas recomendacións de hixiene e extremar a limpeza durante 15 días, sobre todo de superficies e portas, e ventilar as aulas cando non estea o alumnado. O vindeiro luns técnicos de epidemioloxía reuniranse cos pais e nais dos compañeiros da clase para ofrecer toda a información detallada e solventar calquera dúbida.

Recomendacións

A Consellería de Sanidade volve reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembra que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
 

Imaxes relacionadas