O Sergas creará en todas as áreas sanitarias unha comisión para desenvolver un plan específico de prevención de riscos laborais ante o novo coronavirus

A Comisión Central de Seguridade e Saúde do Sergas reuniuse hoxe para presentar estas medidas

As situacións de illamento temporal dos profesionais serán considerados incapacidade temporal (IT) por accidente de traballo

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2020

O Servizo Galego de Saúde creará en cada área sanitaria unha comisión que levará a cabo a implantación e seguimento dun Plan específico de prevención de riscos laborais ante o novo coronavirus.

O Plan específico de prevención de riscos laborais ante o novo coronavirus SARS- CoV-2 foi presentado hoxe na reunión da Comisión Central de Seguridade e Saúde do Servizo Galego de Saúde, que foi presidida pola Directora Xeral de Recursos Humanos do Sergas, e contou coa presencia de representantes de Saúde Pública, Asistencia Sanitaria e Recursos Económicos do Sergas, e coa asistencia dos sindicatos da mesa sectorial CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT.

O Plan ten por obxecto dar unha resposta axeitada e unificada no ámbito da prevención, aos riscos laborais derivados da exposición ao coronavirus. Realízase no Plan unha análise dos distintos escenarios de risco de exposición ao coronavirus para os traballadores do Servizo Galego de Saúde, así como as medidas preventivas e de protección fronte ao virus.

As comisións de cada unha das áreas estarán formadas polo xerente da área, directivos dos distintos distritos sanitarios, profesionais de medicina preventiva e de prevención de riscos laborais, que realizaran o seguimento da implantación do Plan específico na área sanitaria.

Na reunión informouse tamén da a situación actual do COVID-19 en Galicia e as medidas adoptadas ata este momento, así como que en Galicia as situacións de illamento temporal dos profesionais serán consideradas incapacidade temporal (IT).