A Xunta inicia o procedemento para realizar a adxudicación de 11 vivendas de promoción pública no concello de Ferrol

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe dúas resolucións polas que se acorda comezar o proceso selectivo das persoas beneficiarias destas VPP na cidade departamental e doutra vivenda protexida no Concello de Ames

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2020-

A Xunta de Galicia vén de iniciar o procedemento para a adxudicación dun total de 11 vivendas de promoción pública (VPP) no Concello de Ferrol. Así consta na resolución da Comisión Provincial de Vivenda que publica hoxe o DOG e pola cal se acorda o inicio do proceso de selección dos adxudicatarios.

As vivendas serán adxudicadas mediante sorteo público que se celebrará o vindeiro 24 de marzo entre os demandantes ferroláns que estaban inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia na data de inicio do procedemento, é dicir, 19 de febreiro.

Concretamente, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará estas vivendas, localizadas en Fonte da Greza, a menores de 35 anos ou maiores de 65. Trátanse de vivendas de 1 e 2 dormitorios dirixidas a familias con entre un e catro membros. Unha delas, ademais, está adaptada para persoas con mobilidade reducida, polo que se reservará para persoas cun grao de discapacidade recoñecido.

A adxudicación farase en réxime de alugueiro e os contratos terán unha duración inicial de sete anos. O importe mensual do arrendamento, aínda que dependerá do tamaño da vivenda, moverase sempre por debaixo dos 64 euros ao mes.

Unha vez realizado o sorteo, a lista provisional de adxudicatarios publicaranse nos taboleiros de anuncios do concello e do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) así como na páxina web deste organismo. Así mesmo, a continuación abrirase un prazo de 10 días para a presentación de posibles reclamacións.

Unha VPP en Ames

Por outra banda, o DOG tamén publica hoxe outra resolución pola que se inicia o proceso selectivo da persoa adxudicataria dunha VPP localizada no Concello de Ames, concretamente na rúa Rosalía de Castro. A vivenda conta cunha superficie útil de 88,7 metros cadrados, tres habitacións, rocho e garaxe.

Neste caso, a adxudicación entre todas as persoas que estean inscritas neste municipio no Rexistro de Demandantes de Vivenda poderá ser en réxime de propiedade ou de arrendamento. O sorteo realizarase tamén o día 24 de marzo.

Imaxes relacionadas