Sanidade confirma un segundo positivo en Galicia por coronavirus dunha paciente da área sanitaria de Vigo

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2020

As análises realizadas no Hospital Alvaro Cunqueiro, e confirmadas polo Centro Nacional de Microbioloxía, confirman a infección por coronavirus dunha muller de 47 anos, que se atopa illada no hospital da cidade olívica, en cumprimento dos protocolos acordados co Ministerio de Sanidade. Trátase do segundo caso positivo confirmado en Galicia. Esta muller ten vinculo epidemiolóxico con outro paciente, un varón que tamén permanece ingresado nunha habitación illada do hospital vigués. Este último, está pendente dos resultados do Centro Nacional de Microbioloxía, que confirmen ou descarten si ten o coronavirus.

A Dirección Xeral de Saúde Pública está seguindo o protocolo e xa iniciou o estudio de contactos para determinar as medidas necesarias que permitan previr novos contaxios.

Sanidade remarca que hai un procedemento específico para as persoas que sospeiten terse contaxiado co coronavirus. É importante que se contacte por teléfono cos servizos sanitarios para que un equipo, formado por persoal de enfermería e persoal auxiliar, poda recoller mostras para analizar no seu domicilio, evitando en caso de infección a propagación do virus.

Dende o Sergas lémbrase que a Consellería de Sanidade ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto. En calquera caso, para persoas con sintomatoloxía (febre, tos, sensación de falta de aire) e que volvesen de zona de risco ou tivesen contacto con alguén que estivera nalgún deses lugares, tamén está dispoñible o teléfono 061 para consultas.

Protocolos

Desde o comezo da alerta por coronavirus, consensuouse un protocolo de actuación entre o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, que a Consellería de Sanidade xa trasladou ás xerencias das áreas sanitarias, incluíndo definición de caso sospeitoso e criterios de actuación, que se está a actualizar periodicamente en función da evolución do abrocho e do coñecemento que se vai xerando.

Ademais, tamén se enviaron os protocolos, adaptados á nosa estrutura asistencial, que están dispoñibles na web da Consellería de Sanidade, no apartado de saúde pública. Estes protocolos detallan todos os pasos para facer a vixilancia e control en Galicia, como actuar na detección de casos e o seu manexo, a toma e manexo das mostras obtidas dos pacientes e como elaborar as enquisas de cada caso para facer un seguimento.

Tanto o Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia como o sistema asistencial teñen definidos protocolos de actuación claros e teñen capacidade demostrada para o seu manexo. Estes protocolos iranse adaptando segundo estea dispoñible nova información que o aconselle, tanto no tocante á definición da sospeita de enfermidade como nos criterios de manexo dos casos e dos seus contactos.

Recomendacións

A Consellería de Sanidade volve reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembra que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Imaxes relacionadas