A conselleira de Política Social estivo esta tarde neste centro público de atención integral aos maiores situado no municipio ourensán

Fabiola García visita ás primeiras persoas usuarias da nova residencia e centro de día da Xunta en Baleira

As instalacións teñen unha capacidade máxima de 44 prazas, 24 de atención residencial e 20 de atención diúrna

Baleira (Lugo), 5 de marzo de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou a importancia da colaboración entre as administracións públicas para que as veciñas e veciños teñan ao seu alcance os servizos que necesitan, vivan nun municipio urbano ou rural. Díxoo durante a visita que fixo esta tarde á nova residencia e centro de día da Xunta de Galicia en Baleira, que xa conta cos seus primeiros usuarios.

Fabiola García indicou que a colaboración entre a Consellería de Política Social e o Concello de Baleira fixo posible a posta en marcha deste centro público de atención integral ás persoas maiores, construído e equipado pola Xunta de Galicia. A infraestrutura conta cun total de 44 prazas: 24 de atención residencial e 20 de atención diúrna. Os primeiros usuarios das instalacións incorporáronse en xullo do verán pasado.

A conselleira puxo en valor a importancia de infraestruturas como esta de Baleira nas que ademais de prestar unha atención e uns coidados de primeiro nivel aos maiores, supoñen unha oportunidade para que as familias poidan conciliar.

Tamén sinalou que o compromiso das distintas administracións debe ser achegar solucións para que as galegas e galegos de máis idade poidan seguir vivindo onde desexen: ben preto das súas casas e dos seus veciños de sempre ou con atención residencial se así a requiren.

Imaxes relacionadas