O novo Plan de formación na automoción 2020-2022 ofertará 1.120 cursos con 9.152 prazas para ocupados e desempregados

O investimento programado alcanzará os 11,1 M€, un 15,6% máis que no período anterior

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, explicou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Xunta activará un novo Plan de formación na automoción para o período 2020-2022 que permitirá ofertar 1.120 cursos cun total de 9.152 prazas para ocupados e desempregados.

Logo de precisar que, todo iso será grazas a un investimento programado de 11,1 M€, un 15,6% máis que na convocatoria anterior, Feijóo sinalou que con esta iniciativa seguirase atendendo ás necesidades formativas dun sector que precisa cada vez un capital humano máis cualificado.

En relación ás persoas desempregadas activaranse, por unha banda, unidades formativas nas empresas con 6.056 prazas e un investimento de 6,2 M€ para ofrecer formación á carta nas profesións máis demandadas. E, por outra banda, realizaranse outras accións formativas en entidades homologadas e centros propios da Xunta para 746. En definitiva, ofertaranse 6.800 prazas para persoas desempregadas.

Por último, no caso das persoas ocupadas activaranse un total de 2.332 prazas a través de 664 cursos aos que se destinarán preto de 3 M€ coa pretensión de recualificar ás persoas traballadoras para mellorar as súas capacidades.
 

Imaxes relacionadas