Ángeles Vázquez recorda que o prazo para solicitar axudas para a rehabilitación de vivendas de mestres remata o vindeiro 30 de abril

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda invita aos concellos galegos a seguir o exemplo de Cerdedo- Cotobade, onde se rehabilitan inmobles en desuso para facilitar vivendas

Vázquez Mejuto coñeceu ás dúas familias que acceden á senllos fogares, rehabilitados na primeira fase do proxecto

Salienta a importancia deste tipo de incentivos que, ademais de recuperar o patrimonio edificatorio local, facilita un fogar aos veciños do termo municipal

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 4 de marzo de 2020-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembrou esta mañá que os concellos interesados en solicitar as axudas ao abeiro do programa de rehabilitación de vivendas de mestres dispoñen ata o vindeiro 30 de abril para presentar a correspondente solicitude.

A conselleira de Medio Ambiente visitou esta mañá a dúas familias ás que se lles vén de adxudicar as vivendas rehabilitadas na primeira fase do proxecto de recuperación dun inmoble neste concello e animou aos restantes municipios de Galicia a solicitar este tipo de axudas, pois coa recuperación deste tipo de inmobles se facilita un fogar aos veciños. A modo de exemplo, citou o caso das familias que coñeceu hoxe e que agora accederán a unha vivenda en alugueiro de 80 metros cadrados e que se converte no fogar de dúas familias, unha deles con tres fillos menores de idade.

Recordou que no caso concreto de Cerdedo- Cotobade, o proxecto de rehabilitación establece dúas fases. A primeira, xa concluída, permitiu a rehabilitación das dúas vivendas visitadas esta mañá, así como a recuperación da cuberta xeral e das instalacións comúns da totalidade do inmoble. A segunda fase consistirá na rehabilitación das outras oito vivendas e que -segundo as previsións trasladadas ao Concello- poderán iniciarse en maio.

Ángeles Vázquez salientou a importancia deste programa posto en marcha polo Goberno galego, pois permite ás entidades locais -con orzamentos municipais pequenos- facer fronte a actuacións con custes de envergadura e ampliar o seu parque de vivendas, a través da recuperación, e facilitar un fogar aos veciños.

Un obxectivo similar, propiciar o acceso á vivenda, é o que se fixa no programa de vivendas baleiras, ao que está adherido este concello, e posto en marcha por convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincia (Fegamp); onde a Xunta asume o seguro de impagos, de multirrisco do fogar e a asistencia xurídica e as axudas de rehabilitación e mellora das vivendas adheridas;

A conselleira de Medio Ambiente tamén destacou que aquelas persoas que escollen Cerdedo-Cotobade para vivir teñen hoxe unha nova extensión de esparcemento, como son os Baños de San Xusto, nos que celebrar encontros cos veciños como o que mantivo esta mañá a conselleira.

Tal e como explicou Vázquez Mejuto, este é un espazo recuperado para poñer en valor o patrimonio natural, etnográfico e paisaxístico de Galicia e o resultado do primeiro dos Pactos pola Paisaxe, asinado en Galicia. A Consellería de Medio Ambiente destinou preto de 685.000 euros na recuperación dun balneario, que foi construído polo Concello no ano 1915 e que tivo unha importante proxección turística a finais do século XIX- principios do XX.

Indicou que este Pacto servirá de exemplo e de guía para traballar no seguinte Pacto pola Paisaxe que se asinará, o da Ribeira Sacra, que é un instrumento de colaboración entre as administracións públicas, entidades locais e outros axentes económicos e sociais dun territorio que, de maneira voluntaria, desexan promover accións de protección e mellora das paisaxes e da calidade de vida dos cidadáns no marco do desenvolvemento sostible.

Imaxes relacionadas