O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe as dúas sedes que a entidade ten na cidade de Lugo

Política Social destaca o labor de Cáritas Diocesana de Lugo a prol da inclusión sociolaboral das persoas en situación de vulnerabilidade

A entidade ofrece cursos financiados pola Xunta de Galicia a cargo da recadación do IRPF, destinados a mellorar a situación das persoas en risco de exclusión

Lugo, 4 de marzo de 2020

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou o importante labor de Cáritas Diocesana de Lugo a prol da inclusión sociolaboral das persoas en situación de vulnerabilidade. Fíxoo durante unha visita ás sedes que a entidade ten na cidade amurallada e na que coñeceu os programas financiados pola Xunta con cargo á recadación do IRPF que alí se desenvolven.

En concreto, Cáritas ofrece cursos de emprego, de cociña, de infancia e xuventude, de saúde da muller, de acollida e asistencia a marxinados ou de competencias clave, entre outros. Un amplo abano de programas que axudan a mellorar a situación das persoas en risco de exclusión na cidade de Lugo.

O director xeral sinalou que é fundamental incentivar a colaboración entre administracións e entidades para lograr que Galicia sexa un lugar cada día máis xusto, igualitario e solidario. Neste sentido, agradeceu a Cáritas a súa implicación e traballo na procura deste obxectivo común.

Imaxes relacionadas