A conselleira de Política Social visitou hoxe en Vigo o centro O Xardín Hispanidade
Fabiola García informa ás familias sobre a gratuidade nas escolas infantís para os segundos fillos e sucesivos
Destacou a importancia da colaboración entre a Administración e a iniciativa privada para tecer unha rede de educación de 0 a 3 anos o máis extensa e accesible posible
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá a escola infantil O Xardín Hispanidade para informar á dirección do centro e ás familias sobre a gratuidade das prazas para segundos fillos e sucesivos e despexar as dúbidas que puideran ter ao respecto desta cuestión.
Fabiola García lembroulles que esta medida se implantará tanto nas escolas infantís da Xunta como nas de iniciativa social e tamén nas privadas. Deste xeito, a Xunta cubrirá os gastos de atención educativa.
A conselleira tamén destacou a importancia da colaboración entre a Administración pública e as escolas infantís de iniciativa privada para tecer unha rede de educación de 0 a 3 anos o máis extensa e accesible posible, así como para mellorar as opcións de conciliación de moitas familias.
Neste sentido, o obxectivo dos vindeiros anos é consolidar unha Galicia na que todas as nais e pais teñan o apoio que necesitan para que poidan harmonizar mellor a vida laboral e familiar, teñan ao alcance máis servizos de atención á infancia e dispoñan de máis axudas para a crianza dos fillos.