A Xunta visita os proxectos de cooperación para o desenvolvemento que se están a levar a cabo en Bolivia

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, visita estes días proxectos executados por varias ONGD con fondos da Cooperación Galega

A delegación galega trasladouse ao Hospital Universitario Hernández Vera e á Escola técnica-integral San Alonso de Santa Cruz de la Sierra, onde coñeceu as iniciativas da Asociación 1º de Maio para mellorar a asistencia sanitaria e educativa nestes centros

Tamén se achegou ao Centro de Formación da Cooperación Española na cidade
 

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2020

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, acompañado pola subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, está a coñecer estes días en Bolivia distintos proxectos de cooperación para o desenvolvemento apoiados pola Xunta. Na súa primeira xornada no país visitaron na zona de Santa Cruz de la Sierra iniciativas para a mellora da atención sanitaria e da educación impulsadas pola Asociación 1º de Maio.

A delegación galega visitou o Hospital Universitario Hernández Vera, onde a través dos fondos da Cooperación Galega se levaron a cabo proxectos para mellorar a asistencia sanitaria integral prestada á poboación de Santa Cruz de la Sierra. Alí comprobaron de primeira man o funcionamento do laboratorio clínico, que permitiu incrementar as probas realizadas para un mellor diagnóstico; así como as melloras nas infraestruturas do Servizo de Pediatría para ampliar a cobertura sanitaria evitando o traslado de pacientes a outros hospitais; e a dotación de equipamentos para o Servizo de Neonatoloxía, cos que se logrou diminuír a porcentaxe de mortalidade neonatal.

Tras ver as actuacións neste hospital, a visita continuou na Escola técnica-integral San Alonso, desde onde se ofrece a formación técnica necesaria para permitir á poboación acceder a postos de traballo cualificados e mellorar así a súa calidade de vida. Nesta escola, ao abeiro das convocatorias de axudas para a posta en marcha de proxectos de cooperación para o desenvolvemento, implantouse un módulo de hostalería co que dar resposta á demanda de persoal cualificado por parte do sector debido ao crecemento do turismo na cidade. O módulo sumouse ás sete especialidades impartidas e permitiu aos titulados maiores facilidades para integrarse no mercado laboral.

A visita en Santa Cruz de la Sierra rematou no Centro de Formación da Cooperación Española na cidade. Mañá a delegación galega viaxará ao municipio de Poroma para coñecer as actuacións executadas no marco dun proxecto da ONGD Fundación Fabre relacionado coa mellora da dispoñibilidade de recursos básicos para o acceso educativo nas unidades educativas de Cucuri e San Juan de Orcas.

Bolivia, país estratéxico para a Cooperación Galega

Bolivia é considerado un país estratéxico para a Cooperación Galega, tal e como aparece recollido nos tres Plans Directores que rexen a política de cooperación para o desenvolvemento da Xunta desde 2006, o que lle permitiu acceder a distintas convocatorias de axudas dirixidas a sectores como a agricultura, o desenvolvemento produtivo, a educación e a saúde.
 

Imaxes relacionadas