A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo hoxe un encontro con participantes deste programa
Política Social destaca a implicación dos correspondentes xuvenís do IES Rosalía de Castro de Santiago
Mediante este programa os estudantes encárganse de difundir entre os seus compañeiros información de interese xuvenil
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou a implicación das mozas e mozos que participan no programa Correspondentes Xuvenís no IES Rosalía de Castro de Santiago. Fíxoo durante un encontro que mantivo esta tarde cos participantes desta iniciativa.
A directora xeral sinalou que o obxectivo deste proxecto é potenciar as habilidades comunicativas e sociais dos participantes. As mozas e mozos que se converten en correspondentes xuvenís encárganse de difundir entre os seus compañeiros nos centros de ensino programas e información de interese xuvenil.
O IES Rosalía de Castro é un dos centros que participan neste programa. En concreto, son 24 os participantes, todos eles cursan o ciclo formativo de grao superior de Animación sociocultural e Turística.
Cristina Pichel lembrou que estes correspondentes reciben durante este ano escolar de maneira gratuíta o Carné Xove, o carné internacional e o carné de alberguista. Ademais, recoñéceselles mediante un certificado de educación non formal, expedido pola administración autonómica, o tempo dedicado ás actividades como persoas voluntarias.