A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez mantivo hoxe unha xuntanza coa asociación veciñal Monte Branco

A Xunta explícalles aos veciños do Couto, en Ponteceso, o proxecto de senda peonil que se prevé construír na marxe da estrada AC-424 para mellorar a seguridade viaria

O proxecto, que supón un investimento de 270.000 euros, está actualmente a información pública e os interesados teñen ata o 31 de marzo para presentar as súas achegas

Trátase de construír un itinerario por ambas as dúas marxes da estrada que vai a Corme, de aproximadamente medio quilómetro, para darlle continuidade ao xa existente

Para incrementar a seguridade dos peóns limitarase aos 40 km/hora a velocidade na travesía e se reforzará a sinalización
 

Ponteceso (A Coruña), 2 de marzo de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, explicoulles hoxe aos veciños do Couto convocados pola Asociación Cultural Monte Branco, de Ponteceso, o proxecto de senda peonil que a Xunta prevé construír na marxe da estrada AC-424 para mellorar a seguridade viaria.

A reunión, á que asistiron tamén representantes municipais, celebrouse a instancias da Asociación Monte Branco, que quixo coñecer de primeira man este proxecto, que se atopa actualmente en proceso de información pública, e para o que os interesados teñen de prazo ata o 31 de marzo para facer as súas achegas.

Os seguintes pasos inclúen a avaliación por parte dos técnicos da Xunta das suxestión presentadas, a súa incorporación, se procede, ao proxecto construtivo, que debe ser aprobado, e, a continuación, iniciar as expropiacións e licitar as obras este ano.
A intervención conta cun investimento duns 270.000 euros, no que se inclúe o pagamento das 5 fincas necesarias para a súa execución. Trátase de construír unha senda peonil por ambas as dúas marxes da estrada que vai a Corme, de aproximadamente medio quilómetro, e que dará continuidade á xa existente.

Na intervención tense en conta o reducido espazo que hai entre edificacións neste núcleo o que fai necesario estreitar lixeiramente a estrada, para acadar con carácter xeral os 1,5 metros de ancho de senda.

Coa vista posta en reforzar a seguridade, fundamentalmente dos usuarios máis vulnerables da estrada, os peóns, a velocidade na travesía limitarase aos 40 km/hora, e procederase ao reforzo da sinalización nese treito.

Na xuntanza de hoxe acordouse analizar a posibilidade de que o Concello habilite varias prazas de aparcadoiro na vía municipal lindeira.

Ademais, executaranse obras complementarias como a execución dun colector de drenaxe, pequenos muros, a instalación de canalizacións para iluminación e telecomunicacións ou a renovación do firme.

Imaxes relacionadas