Un total de 880 persoas participan na OPE do Sergas para as categorías de médico de familia e pediatra de atención primaria

Optan a un total de 347 prazas das que 254 corresponden a médico de familia e 93 para pediatría ás que hai que engadir outras 7 prazas para odontólogos

Tamén concorreron 391 aspirantes para cubrir 89 prazas de enfermería especialista en enfermería obstétrico-xinecolóxica

 

Silleda (Pontevedra) 1 de marzo de 2020

Un total de 1.442 aspirantes acudiron esta mañá ao Recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda (Pontevedra) para realizar os exames do concurso oposición correspondentes ás categorías de médico de familia, odontólogo e pediatra, as tres de atención primaria, ademais de persoal de enfermería especialista en enfermería obstétrico-xinecolóxica,

O número de persoas admitidas foi de 805 para médico de familia, das que se presentaron 692, o que supón unha participación do 85,96%. Para as prazas de pediatría de atención primaria, concorreron 188 persoas das 200 inscritas, o que implica unha participación do 94%. En canto ás prazas de odontoloxía, estaban convocadas 218 persoas das que se presentaron 171 o que supón unha porcentaxe de participación do 78,44%.

Neste proceso selectivo ofértanse 354 prazas, das que 254 corresponden á categoría de médico de familia, 93 á de pediatra e 7 á de odontólogo. Tamén hoxe se celebraran os exames para a categoría de enfermería especialista en enfermería obstétrico-xinecolóxica, cunha convocatoria de 89 prazas ás que se presentaron 391 persoas das 451 inscritas. Isto supón unha porcentaxe de participación do 86,70%.

Como en anteriores procesos selectivos, para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade na selección das persoas aspirantes, reforzáronse as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo deste xeito o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame.

Oferta pública de emprego

Galicia, a diferencia doutras comunidades autónomas, ven aprobando OPEs anuais, de xeito ininterrompido, dende o ano 2012. Isto fixo posible que entre o ano 2012 e 2019, o Sergas ofertara 5.936 prazas. Estas ofertas son o resultado do compromiso de Sanidade para acadar maiores taxas de estabilidade laboral, o que foi posible ao esgotarse todos os anos a taxa máxima de reposición de efectivos na sanidade pública.

Cos exames de hoxe, rematan as probas da fase de oposición da ope para a cobertura de 1.492 prazas que comezaran a fin de semana do 8 e 9 de febreiro coa convocatoria dos exames de enfermería especializada en pediatría, saúde mental, traballo e familiar e comunitaria, ademais das de fisioterapeuta e persoal de servizos xerais.

 

Imaxes relacionadas