Miranda participa en Suíza no Entroido da Irmandade Galega

O secretario xeral da Emigración visita esta fin de semana Xinebra con motivo da celebración do tradicional Entroido, aproveitando para reforzar os vínculos coa colectividade galega no pais

Agradece á Irmandade “o seu gran traballo como difusores da cultura galega e como apoio aos galegos que residen en Suíza”

Xenebra (Suíza), 1 de marzo de 2020

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, continua coa súa axenda institucional viaxando este fin de semana ata Suíza para reunirse cos socios e directivos da Irmandade Galega na Suíza con motivo da celebración do seu tradicional Entroido.

Con preto de 350 asociados, a entidade aposta polo desenvolvemento da lingua, do arte e da cultura do pobo galego e dos seus valores nacionais, prestando axuda e apoio aos galegos de Xenebra e do resto do país nos problemas que atopan no seu día a día. Neste marco, Miranda aproveitou para agradecerlle “ o seu gran traballo como difusores da cultura galega e como apoio aos galegos no país”.

O responsable autonómico animou a entidade a seguir “traballando na mesma liña e sen descanso para coidar a Galicia exterior e seguir mantendo, alí onde estades, un anaco da nosa terra con celebracións coma esta”.

Nesta liña, e para rematar o acto, Miranda recalcou a importancia de manter “as comunidades galegas activas e con iniciativa para a difusión da cultura galega a través do desenvolvemento de accións en favor da colectividade galega”.

Máis de 40.000 galegos no país

Suíza é o primeiro país do exterior con maior poboación galega. Nela residen, segundo as últimas cifras publicadas polo INE, de xaneiro de 2019 un total de 41.104 galegos, dos que 19.618 son nados na Galicia territorial.