O Servizo Galego de Saúde oferta 1.215 prazas nas oposicións que se celebran esta fin de semana

Delas, 254 serán para médicos de familia e 93 para pediatras, todas de atención primaria

Realizaranse ademais os exames para o acceso ás categorías de odontólogo de atención primaria, enfermería especialista en enfermería obstétrico-xinecolóxica e técnico en coidados auxiliares de enfermería

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2020

Esta fin de semana van ter lugar no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), os exames da fase de oposición da oferta pública de emprego para cubrir 1.215 prazas en diversas categorías no Servizo Galego de Saúde.

O sábado día 29 de febreiro están convocados os aspirantes a cubrir 772 prazas de técnico en coidados auxiliares de enfermería, das que 37 corresponden á quenda de discapacidade intelectual. O chamamento dará inicio ás 15.30 horas.

O domingo día 1 de marzo, a partir das 9.30 horas, están convocados os aspirantes das categorías de enfermería especialista en enfermería obstétrico-xinecolóxica, e de tres categorías de facultativos de atención primaria: médico de familia, odontólogo e pediatra. As prazas convocadas para enfermería especialista en enfermería obstétrico-xinecolóxica son 89, mentres que para médico de familia de atención primaria son 254, para pediatras 93 e outras 7 para odontólogos. Nos exames do domingo, o chamamento comezará ás 9.30 horas.

Neste proceso selectivo, no que están admitidos 10.422 aspirantes, 508 prazas corresponden á quenda de acceso libre, 609 á de promoción interna, 61 á de discapacidade xeral e 37 á de discapacidade intelectual. Os aspirantes das distintas quendas realizarán nestas xornadas todos os exercicios que integran a fase de oposición

As prazas de discapacidade intelectual que non se cubran pasarán a discapacidade xeral e as de promoción interna e discapacidade xeral que non se cubran acumularanse a acceso libre.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.

Como en anteriores procesos selectivos, para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade na selección das persoas aspirantes, reforzáronse as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo deste xeito o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame.

No marco das previsións da normativa de igualdade efectiva de mulleres e homes, facilitarase a execución material das probas ás opositoras xestantes que o soliciten previamente, mediante o desprazamento dunha delegación do respectivo tribunal aos centros sanitarios onde figuren ingresadas así como o exercicio da lactación natural por aquelas aspirantes que o soliciten, habilitándose no recinto salas específicas ao efecto, no exterior e interior dos pavillóns.

Así mesmo, practicaranse varias adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios co obxecto de garantir que todas as persoas aspirantes concorran ao proceso en condicións de igualdade.

Imaxes relacionadas