A Xunta xa solicitou os informes sectoriais necesarios para avanzar na tramitación para a ampliación do Ifevi en Vigo

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recorda que hai unhas semanas solicitou por carta ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico celeridade na emisión dos seus respectivos informes sectoriais

Recorda que para poder licitar as obras un requisito imprescindible é dispoñer dos terreos libres de cargas e gravames, polo que solicita ao Concello de Vigo iniciar as expropiacións necesarias para evitar novas demoras

Santiago de Compostela, 28 de febreiro do 2020

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, xa ten solicitado os informes sectoriais necesarios para avanzar na ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi); unha vez que o Concello de Vigo ten remitido á Consellería de Economía, Emprego e Industria o informe co resultado da información pública e da ponderación de intereses locais afectados.

Unha vez que a Administración local concluíu dito trámite, a Consellería de Medio Ambiente procedeu a solicitar os informes sectoriais preceptivos dos distintos departamentos do Estado, como por exemplo, o da Dirección Xeral de Estradas, da Axencia estatal de Seguridade Aérea, da Delegación do Goberno (Obras Públicas), do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. (Telecomunicacións), así como o informe do órgano substantivo competente da infraestrutura (Servidumes Acústicas).

Por parte da Administración autonómica, xa se solicitaron os informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, Instituto de Estudos do Territorio (IET), Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, para que valore a necesidade de solicitar o Informe da Comisión Galega de Protección Civil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Calidade e Cambio Climático.

A Xunta destaca a importancia de contar coa totalidade de informes no prazo máis breve posible, así como que o sentido dos mesmos sexa favorable á actuación que se pretende, polo que recorda que será decisivo o informe de Navegación Aérea, que podería ser desfavorable – tal e como sinalaron desde o Concello de Vigo para xustificar a decisión de non incluír este ámbito na ordenacion provisional- e condicionar o desenvolvemento do proxecto. No momento no que se dispoñan todos os informes sectoriais, o expediente deste proxecto será enviado á Comisión Superior de Urbanismo.

Dende a Consellería de Medio Ambiente recórdase que a finais de xaneiro xa solicitou por carta ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico celeridade na emisión dos seus respectivos informes sectoriais relativos a este proxecto.

Así, a Xunta mantén o seu compromiso de iniciar a nova ampliación de Ifevi de xeito inmediato, para o que tamén é necesario dispoñer dos terreos libres de cargas e gravames para poder licitar as obras. Este requisito é imprescindible non só pola Lei 3/2016, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia, senón tamén pola Lei de contratos; polo que se lle solicita ao Concello de Vigo que inicie de inmediato todas as xestións e tramitacións necesarias para dispoñer da totalidade dos terreos que se precisan para a materialización da ampliación e evitar novos atrasos e demoras que afecten ao proxecto.