Medio Ambiente sinala que a tramitación para a ampliación do polígono de Castro de Rei en máis de 40.000 m2 está moi avanzada

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde de Castro de Rei mantiveron unha reunión para abordar as xestións realizadas sobre esta iniciativa para incrementar a superficie empresarial deste concello

Ángeles Vázquez animou ao rexedor a presentar un proxecto para declarar unha Área de Rehabilitación Integral do Casco Histórico, que comprendería case 70 vivendas

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantoulle esta mañá ao alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado Teijeiro, que o proxecto de ampliación do Polígono de Castro de Rei, en máis de 40.000 m2, está moi avanzada.

A conselleira mantivo unha reunión co rexedor municipal na que abordaron o estado de tramitación desta iniciativa. A ampliación deste proxecto levarase a cabo grazas a un convenio de colaboración entre Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Concello de Castro de Rei.

Vázquez Mejuto recordou que o IGVS ten reservado un orzamento de 275.000 euros nas contas de 2020 para materializar esta iniciativa, que ten por finalidade incrementar en 44.000 metros cadrados a superficie empresarial neste concello da provincia de Lugo.

Outro dos puntos abordados na reunión foi a declaración dunha Área de Rehabilitación Integral do casco histórico de Castro de Rei. A conselleira indicoulle a necesidade de contar cun estudo detallado sobre a zona que abarcaría esta área e que- segundo manifestou o alcalde- abarcaría case 70 vivendas.

Por último, a conselleira recordoulle que o Goberno galego establece axudas e incentivos para impulsar a recuperación de edificios naqueles ámbitos nos que hai declarados unha área de rehabilitación integral.

Imaxes relacionadas