A nova estrada entre Abuín e o Parque empresarial de Santa Comba abrirase ao tráfico este venres, 28 de febreiro, ás 9,00 horas da mañá

A Xunta pon en servizo mañá a variante de Salgueiroas, en Santa Comba, tras un investimento de 4,3 millóns de euros

Trátase da primeira fase do acondicionamento da estrada autonómica AC-406, que une Portomouro con Santa Comba

A vía de novo trazado, de 2 quilómetros de lonxitude, evita o paso pola travesía do núcleo de Salgueiroas, propiciando maior comodidade nos desprazamentos e unha redución nos tempos de percorrido

A nova infraestrutura dispón de carrís de 3,5 metros de ancho, ademais das beiravías, e conta con 2 interseccións, unha semiglorieta para conectar un núcleo de poboación coa variante e a rotonda de acceso ao parque empresarial

Tamén están habilitados dous pasos inferiores e un viaduto, ademais de camiños de servizo para garantir os accesos existentes

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2020

A Xunta de Galicia pon mañá en servizo a Variante de Salgueiroas, en Santa Comba, tras rematar as obras que suman un investimento autonómico de 4,3 millóns de euros. A estrada abrirá ao tráfico mañá, venres 28 de febreiro, ás 9 horas da mañá.
Trátase da primeira fase do acondicionamento da estrada autonómica AC-406 (Portomouro con Santa Comba), e consiste nunha vía de novo trazado de 2 quilómetros de lonxitude, construída entre o parque empresarial e Abuín.
Constitúese así un trazado alternativo que evita o paso dos vehículos, moitos deles pesados, pola travesía do núcleo de Salgueiroas, o que permite mellorar a seguridade deste núcleo de poboación, propiciando ademais maior comodidade nos desprazamentos e unha redución nos tempos de percorrido.
A nova infraestrutura ten carrís de 3,5 metros de ancho, ademais das beiravías. Conta ademais con dúas interseccións, unha semiglorieta para conectar un núcleo de poboación coa variante e unha rotonda no punto final da actuación, que dá acceso ao parque empresarial de Santa Comba. Construíronse dous pasos inferiores e un viaduto, ademais de camiños de servizo para garantir os accesos existentes.

Imaxes relacionadas