A Xunta aposta pola inserción laboral das vítimas de violencia de xénero para garantir a súa independencia económica
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá o programa ‘Entel-Arte’ da Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses
A asociación leva a cabo un programa de formación sobre costura e confección de prendas de roupa para contribuír ao desenvolvemento das capacidades das participantes e favorecer a súa reintegración no mercado laboral
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe o programa Entel-Arte, posto en marcha no marco dunha iniciativa de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero impulsada pola Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses (AXEL).
O proxecto recibiu apoio a través dunha orde de axudas do Goberno galego destinada a entidades sen ánimo de lucro para levar a cabo itinerarios personalizados e accións específicas co obxectivo de apoiar ás mulleres en situación de violencia de xénero na súa integración ou reintegración no mercado laboral.
López Abella destacou que a independencia económica é un elemento clave para a recuperación integral das vítimas de violencia de xénero e para garantir que acaden unha maior autonomía e poidan saír da situación de violencia. Nesta visita comprobou de primeira man os disfraces de entroido deseñados polas alumnas deste curso de confección e costura tanto para elas como para os seus fillos e fillas e tamén outras pezas creadas polas participantes no obradoiro de teas.
Ambas actividades enmárcanse no programa Entel-Arte, dedicado á confección de prendas de roupas que serán expostos ao público no acto de clausura. Esta iniciativa promovida pola Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses contribúe ao desenvolvemento das capacidades e habilidades da persoa necesarias para a súa inserción laboral por conta allea ou conta propia.
Ademais, ao mesmo tempo, incrementase a autoestima das participantes para favorecer a súa integración no mercado laboral, fomentase o empoderamento persoal e facilitase o coñecemento do funcionamento do mundo empresarial e das posibilidades de autoemprego.