A Consellería de Educación convoca as Olimpíadas de FP, Galiciaskills 2020

O campionato desenvolverase no mes de novembro en Silleda

O obxectivo é dar unha maior proxección e difusión ás ensinanzas de formación profesional e ás destrezas e competencias que nelas se adquiren

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de convocar o 6º Campionato Galego de Formación Profesional Galiciaskills 2020, a olimpíada autonómica de Formación Profesional da que saíran os representantes galegos nas Spainskills 2021. O obxectivo deste campionato é darlle unha maior proxección e difusión á FP que se imparte na nosa Comunidade Autónoma. Galiciaskills 2020 celebrarase en Silleda, no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, no mes de novembro de 2020.

Trátase dun campionato eminentemente práctico que consistirá no desenvolvemento de 30 competicións relacionadas coas especialidades de formación profesional, nas que o alumnado participante medirá as súas destrezas e demostrará as súas capacidades na realización das correspondentes probas. As modalidades de competicións nas que se pode inscribir os centros de FP son as reflectidas no seguinte cadro:

 

Áreas de actividade
Modalidades de competición
Transporte e loxística
13 Reparación de Carrozaría
 
33 Tecnoloxía do automóbil
 
36 Pintura do automóbil
Construcións e instalacións
15 Fontanería e calefacción
 
18 Instalacións eléctricas
 
22 Pintura e decoración
 
24 Ebanistaría
 
25 Carpintaría
 
37 Xardinaría paisaxística
 
38 Refrixeración e aire acondicionado
Fabricación
04 Mecatrónica
 
05 Deseño mecánico-CAD
 
06-07 Mecanizado
 
10 Soldadura
 
16 Electrónica
 
19 Control industrial
 
23 Robótica móbil
Informática e Comunicacións
09 Solucións de software para empresas
 
17 Desenvolvemento web
 
 
 
 
39 Administración de sistemas en rede
 
50 Deseño e animación de xogos 3D
Artes Creativas
28 Floraría
 
31 Tecnoloxía da moda
Servizos
29 Peiteado
 
30 Estética
 
47 Panadaría
 
34 Cociña
 
35 Servizo de restaurante e bar
 
57 Recepción hoteleira
 
41 Coidados auxiliares de enfermaría e atención socio-sanitaria

Solicitudes

No certame poden participar as alumnas e alumnos matriculados nos ciclos formativos de formación profesional en centros sostidos con fondos públicos de Galicia, cunha idade máxima de 21 anos feitos durante o ano 2020 (coa excepción do skill de Mecatrónica no que os participantes terán como máximo 24 anos feitos neste ano).

Con carácter xeral, cada centro educativo poderá presentar un máximo dun competidor ou equipo por modalidade, excepto nas modalidades de Tecnoloxía da moda, Deseño e animación de xogos 3D, e Pintura e decoración. A participación en cada modalidade de competición será individual salvo nas modalidades de Mecatrónica e Xardinaría paisaxística, nas que participarán en equipos de dúas persoas por centro.

Será o centro quen determine o sistema de selección dos competidores/as. A persoa competidora irá acompañada dun profesor ou profesora do centro, que exercerá a súa titoría e encargarase da súa preparación para a competición. En calquera caso o alumnado participante non poderán ter participado con anterioridade nas Spainskills.

Os centros que queiran presentar alumnado a esta competición deberán remitir a solicitude de inscrición antes do día 31 de marzo de 2020 ao enderezo de correo electrónico sxfp@edu.xunta.es

Premios

Para a avaliación das probas realizadas polos participantes constituirase un xurado que poderá estar composto por representantes das empresas patrocinadoras da competición ou por representantes da industria do sector correspondente e polos titores do alumnado participante na competición.

Haberá dous premios por competición. A persoa que obteña a maior puntuación en cada skill recibirá a medalla de ouro. Este alumnado, xunto cos xefes e as xefas de equipo (profesorado titor), conformarán o equipo galego que representará a Galicia en Spainskills 2021.

A persoa que obteña a seguinte mellor puntuación en cada skill recibirá a medalla de prata e quedará de suplente para competir no campionato nacional no caso de que o participante que obtivo a medalla de ouro non puidese participar.

Todas as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo de ter participado en Galiciaskills 2020. Ademais, o profesorado experto e titor que tome parte na competición recibirá a correspondente certificación de participación na actividade de innovación educativa Galiciaskills 2020, cunha equivalencia de 15 horas de formación permanente do profesorado.

Imaxes relacionadas