O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, estivo en dous centros de atención a persoas maiores do Concello pontevedrés
Política Social visita dúas residencias de maiores da Estrada
De la Campa destaca a calidade asistencial destes centros e a importancia de promover un envellecemento activo e saudable
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, visitou hoxe dúas residencias de maiores da Estrada. En concreto, coñeceu as instalacións dos centros A Braña e a residencia de titularidade autonómica do municipio pontevedrés.
Ildefonso de la Campa aproveitou estas visitas para falar cos responsables das instalacións e con algúns dos seus usuarios. Destacou a importancia de que as administracións públicas acheguen solucións para que as galegas e galegos de máis idade poidan elixir onde prefiren pasar esta etapa das súas vidas, xa sexa nas súas casas e coas súas familias ou se requiren atención residencial.
O director xeral tamén defendeu a necesidade de promover un envellecemento activo e saudable, así como de facilitar a participación dos maiores en todos os ámbitos da sociedade para que xeracións máis novas aproveiten a súa experiencia e coñecementos.