O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe no Porriño o Centro de Aplicacións Láser de Aimen

Conde destaca que a excelencia innovadora de AIMEN contribúe a impulsar a competitividade da industria galega

Resalta a importancia de potenciar a innovación como garantía de crecemento do tecido industrial, así como o papel decisivo que xogan os centros tecnolóxicos na transferencia de coñecemento ao mercado

Salienta o compromiso de Aimen coa fórmula 4.0, reflectido na súa participación en iniciativas como os contratos programa, Fábrica Intelixente, as cinco Unidades Mixtas de Investigación nas que colabora, o Conecta Peme ou os Hubs de Innovación Dixital

O Porriño (Pontevedra), 24 de febreiro de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, puxo hoxe en valor a excelencia innovadora do centro tecnolóxico Aimen, que contribúe a impulsar a competitividade da industria galega. Así o manifestou durante unha visita ao seu Centro de Aplicacións Láser, que cualificou como un dos máis importantes de Europa.

Conde referiuse ao labor dos centros tecnolóxicos e, concretamente, ao compromiso de Aimen coa fórmula 4.0, reflectido na súa participación en iniciativas como os contratos programa, Fábrica Intelixente, as cinco Unidades Mixtas nas que colabora, o Conecta Peme ou os Hubs de Innovación Dixital.

O conselleiro salientou a ‘visión de futuro’ deste centro tecnolóxico e puxo de relevo a súa traxectoria para destacar que en 1995 contaba con 15 empregados e neste momento son 255 os profesionais que traballan nel. Do mesmo xeito, subliñou que se trata dun dos centros tecnolóxicos que está conseguindo as taxas de retorno máis elevadas nos programas europeos nos que participa.

Segundo dixo, é moi importante potenciar a innovación como garantía de crecemento do tecido industrial, non só como un incentivo á produtividade senón para diferenciar o valor que achega a industria galega. Ao respecto, sinalou que o sector privado cada vez está innovando máis e dedicando máis recursos á innovación; un esforzo que o pasado ano se incrementou nun 35 por cento.

Conde lembrou que a actividade de Aimen está vinculada ao desenvolvemento de novos materiais e de tecnoloxía aplicada a novos procesos, e afirmou que a súa participación no Hub de Innovación Dixital vinculado á fábrica intelixente vai ser un elemento vehicular moi importante para que poida seguir apoiando o tecido produtivo.

Estes días acábanse de publicar no DOG as axudas para a innovación e a promoción dos modelos 4.0. Tamén as de apoio aos centros tecnolóxicos para mellorar os seus equipamentos; unha nova convocatoria para consolidar as Unidades Mixtas de Investigación xa existentes e crear outras novas, ou o programa Innova Peme, centrado en estimular a I+D+i entre as pequenas e medianas empresas.

Imaxes relacionadas