A Xunta dá a coñecer en Pontevedra a guía de recursos contra a violencia de xénero a colectivos e profesionais neste ámbito

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, reuniuse con representantes de asociacións de mulleres, entidades de iniciativa social e centros de información ás mulleres (CIM) da provincia

Trátase dunha publicación pioneira que concentra nun mesmo documento os servizos e programas, así como os contactos das entidades que integran a rede galega de apoio ás vítimas

Pontevedra, 24 de febreiro de 2020

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe nunha xuntanza informativa con colectivos e profesionais no ámbito da loita contra a violencia de xénero que traballan na provincia da Pontevedra, aos que presentou a primeira guía de recursos existentes en Galicia para facer fronte esta lacra.

Trátase dun documento pioneiro que recolle os equipamentos e recursos destinados a mulleres vítimas de violencia de xénero, no que se poden consultar todos os servizos dispoñibles organizados por áreas (psicolóxica, social, sanitaria, xurídica, económica, laboral ou protocolos de actuación). Estes servizos aparecen tamén xeorreferenciados na páxina web da Xunta de Galicia, cun mapa de localización dispoñible na opción Eservizos: Servizos no mapa.

Ao encontro de hoxe na delegación territorial da Xunta en Pontevedra acudiron representantes de asociacións de mulleres, entidades de iniciativa social e centros de información ás mulleres (CIM) da provincia pontevedresa, entre outros colectivos.

A guía inclúe información dos recursos existentes en Galicia no eido da violencia de xénero e concentra nunha única ferramenta a descrición dos servizos e programas e os contactos das entidades que integran a rede galega de apoio a vítimas. Desta forma, contribúe ademais a facilitar e axilizar o traballo das persoas profesionais que na nosa comunidade acompañan e apoian ás mulleres que sofren violencia de xénero .

Entre os recursos dispoñibles, recóllense os CIM presentes en 82 concellos galegos desde os que se ofrece unha atención integral ás mulleres e dos que 27 se atopan na provincia de Pontevedra. Ademais, inclúese o Centro de Recuperación Integral (CRI) para mulleres que sofren violencia de xénero de Santiago de Compostela, así como centros de acollida e o teléfono 900 400 273 de carácter gratuíto e anónimo que funciona as 24 horas do día durante os 365 días do ano.

Durante o encontro, a secretaria xeral da Igualdade expuxo que, a través desta publicación, se axuda a dar a coñecer os recursos existentes a disposición das vítimas e das súas fillas e fillos para facilitarlles o acceso, ao mesmo tempo que se axuda a mitigar as consecuencias desta lacra.

A publicación desta guía amosa o compromiso da Xunta na loita contra a violencia de xénero e no obxectivo de acadar a igualdade real entre mulleres e homes.

Imaxes relacionadas