A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional reuniuse hoxe coa ministra Isabel Celá

Carmen Pomar sitúa o modelo educativo galego como referente para o Estado

No encontro coa ministra puxo en valor os resultados do ensino en Galicia, tanto no último informe PISA, como en canto ao abandono educativo temperá, ou como a Comunidade máis inclusiva do Estado

Madrid, 24 de febreiro de 2020

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, mantivo esta mañá un encontro coa ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, no que puxo en valor os resultados educativos en Galicia, tanto no último informe PISA, como en canto ao abandono educativo temperá (que pechou o ano 2019 cunha taxa do 12,6%, o que supuxo reducila á metade nunha década), ou como a Comunidade máis inclusiva do Estado segundo os datos do propio Ministerio. Un sistema educativo “propio e definido, que está demostrando uns resultados moi positivos e que pode servir de referencia a outras partes do Estado nos ámbitos da inclusión ou do plurilingüismo”. Así, Pomar comprometeuse a traballar “en positivo e con lealdade e colaboración institucional” para poñer en marcha as reformas previstas no ámbito educativo

No encontro tamén se abordou o recente anuncio do Ministerio que atinxe á formación docente. Nesta liña, Carmen Pomar lembrou que o Goberno galego defende desde hai tempo un modelo de acceso á profesión docente semellante ao MIR, no que se reforce a formación inicial do profesorado. De feito, Galicia foi pioneira en todo o Estado na creación dun grupo de traballo das Facultades de Ciencias da Educación das tres universidades galegas para analizar as competencias profesionais docentes e deseñar as competencias que os estudantes de Maxisterio deberían adquirir na carreira.

Formación Profesional adaptada ao tecido socioprodutivo

Outro dos aspectos tratados foron os estudos de Formación Profesional, para os cales Galicia considera prioritario avanzar nunha ordenación destas ensinanzas a nivel estatal. Neste senso, a conselleira sinalou a necesidade dunha actualización do actual catálogo de títulos de FP, que dea resposta á realidade socioeconómica actual; así como da flexibilización dos módulos formativos adaptados ao tecido socioprodutivo da comunidade autónoma.

No caso concreto da Formación Profesional Dual, a conselleira insistiu na urxencia de traballar na articulación dunha regulación específica desta modalidade de FP pola que Galicia está facendo unha forte aposta e que está dando moi bos resultados tanto a nivel académico como laboral. Carmen Pomar avoga por establecer un marco claro e obxectivo de participación empresarial, o que suporía unha maior implicación por parte dos axentes económicos ao tempo que se traduciría nunha mellor formación e cualificación do alumnado.


Outro dos aspectos compartidos coa ministra foi a necesidade da activación, canto antes, dun grupo de traballo entre o Goberno e as CCAA para o deseño dunha proba ABAU que garanta o nivel de esixencia e a igualdade de oportunidades para todo o alumnado independentemente de onde resida.

Así mesmo, a conselleira solicitoulle formalmente á ministra a transferencia das competencias das bolsas e axudas ao estudo, unha reivindicación que xa foi aprobada polo Parlamento de Galicia e que suporía unha mellor e máis áxil xestión administrativa das mesmas.

Pomar avogou tamén por unha “discriminación positiva real” por parte do Goberno central que teña en conta as características climatolóxicas e de dispersión poboacional de Galicia que fan, por exemplo, ter que dispoñer dunhas infraestruturas educativas cunhas características e esixencias construtivas moito máis custosas, ou ser a CCAA co maior número de rutas de transporte escolar de todo o Estado cun gasto da orde de 120 M€/ano tan só neste servizo complementario
 

Imaxes relacionadas