A Xunta licita por máis de 576.000 euros a primeira fase de ampliación da rede de distribución de auga no concello de Mesía

As empresas interesadas na execución destas actuacións, cun prazo duns oito meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 23 de marzo

Trátase de dotar de abastecemento á zona Oeste do municipio e á parroquia de San Cristovo, así como a unha parte das parroquias de Visantoña e Olas

Executarase unha rede de subministro que comezará pola construción do novo ramal principal, dende o anel existente que se dirixe ata Visantoña e chega ata a estrada AC-223, de onde partirá a canalización principal e varios ramais

A actuación continuará no tramo Visantoña e se completará coa execución do ramal a Olas, dando servizo a esta parroquia e arredores

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licita a primeira fase de ampliación da rede de distribución de auga no concello de Mesía, cun investimento autonómico de máis de 576.000 euros.

O anuncio, publicado hoxe na plataforma de Contratos Públicos de Galicia, sinala que as empresas interesadas nesta actuación poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 23 de marzo. O prazo de execución dos traballos é de 8 meses.

O organismo hidráulico da Xunta asume a financiación deste proxecto presentado polo Concello de Mesía, que ten como obxectivo completar a rede de abastecemento no municipio. A actuación permitirá dar servizo a un total de 1.224 habitantes equivalentes para o ano horizonte 2042.

Trátase de dotar de abastecemento á zona Oeste do municipio, que nesta primeira fase permitirá dotar deste servizo á parroquia de San Cristovo, así coma a unha parte das parroquias de Visantoña e Olas. Na actualidade a parte Este do concello dispón de abastecemento.

Na intervención proxéctase a execución dunha rede de subministro que comeza coa execución do novo ramal principal dende o anel existente que se dirixe ata Visantoña e chega ata a estrada AC-223. De aí partirá a canalización principal e varios ramais.

A actuación continuará no tramo Visantoña, onde se executará pola marxe da estrada AC-223, e dará servizo á parroquia de Visantoña e arredores. Os traballos seguirán coa execución da nova canalización dende o anel existente na cita estrada autonómica ata San Cristovo e Feás, que inclúen a canalización de Mesía e conexión rede existente, así como os ramais de Feás. As obras se completan coa execución do ramal a Olas, dando servizo a Visantoña e arredores.