A Xunta empregará catro vehículos danados no incendio de Bouzas para as prácticas de policías e bombeiros que se forman na Agasp

Os alumnos empregarán os coches cedidos por Groupe PSA para facer prácticas en cursos de excarceración de vítimas e de investigación de accidentes de tráfico

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2020

A Academia de Seguridade Pública (AGASP) empregará catro vehículos cedidos por Groupe PSA que resultaron danados o pasado ano no incendio rexistrado na terminal de Bouzas do porto de Vigo para levar a cabo prácticas dalgúns dos seus cursos de formación continua.

A AGASP adoita recorrer a vehículos adquiridos nos desguaces para realizar prácticas do curso de excarceración de vítimas en accidentes de tráfico destinado a persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e servizos municipais de Protección Civil e Emerxencias. Tamén segue o mesmo procedemento na parte práctica do módulo de investigación de accidentes dirixido a axentes da Policía Local dos concellos galegos.

Ambos cursos inclúense no plan de formación da Academia de Seguridade Pública de Galicia para este ano e que se aprobou recentemente no Consello Reitor da AGASP.

Dos catro vehículos cedidos por Groupe PSA, un deles está semiqueimado e usarase para que os participantes nos cursos de excarceración aprendan como se deben rescatar ás vítimas dun coche ardendo.

Imaxes relacionadas