A Xunta destaca a importancia da implicación e a cooperación entre administracións para a xestión das emerxencias

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña, e o parque comarcal de bombeiros de Carballo

Xunta e a Deputación da Coruña acordaron o pasado setembro o cambio de modelo cara unha xestión directa dos parques de bombeiros de Carballo, Arteixo, Arzúa, Ordes, As Pontes, Cee, Santa Comba e Ribeira, que forman parte deste ente

Alfonso Rueda, destacou que “este novo modelo de xestión directa, que comezou recentemente a funcionar neste Consorcio Provincial, espero que sexa o modelo de funcionamento axeitado a seguir nun eido tan importante como é a xestión e o servizo profesional das emerxencias”

Carballo (A Coruña), 21 de febreiro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da implicación e da cooperación entre administracións no ámbito da xestión das emerxencias co obxectivo de ofrecer un servizo o máis eficiente posible co que dar unha resposta áxil e eficaz ante calquera incidencia.

Alfonso Rueda, destacou que “o novo modelo de xestión directa que comezou recentemente a funcionar no Consorcio Provincial contra incendios e Salvamento de Coruña foi acordado tras diversas conversacións coa Deputación de A Coruña, esperando que sexa o modelo de funcionamento axeitado a seguir nun eido tan importante como é a xestión e o servizo profesional das emerxencias”.

A Xunta e a Deputación da Coruña acordaron nun pleno do Consorcio celebrado o pasado setembro o cambio de modelo cara unha xestión directa dos parques de bombeiros de Carballo, Arteixo, Arzúa, Ordes, As Pontes, Cee, Santa Comba e Ribeira, que forman parte deste ente.

Nesta mesma liña, indicou que “hai que aproveitar unha vez mais para dicir que isto debe ser un exemplo de cooperación entre Administracións, entre Xunta e as 4 Deputacións Provinciais, especialmente coa Deputación de A Coruña, xa que é esta provincia a que aglutina mais parques, dos 27 que están en Galicia, 10 están na provincia de A Coruña”.

Así o sinalou durante a súa visita xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, á sede central do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña e ao parque comarcal de bombeiros de Carballo. Á visita tamén acudiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; e o deputado provincial da área de Promoción Económica, Blas García.

Alfonso Rueda destacou a importancia de investir en seguridade e o compromiso da Administración autonómica en reforzar o equipamento dos servizos de emerxencias para que os seus efectivos poidan realizar o seu traballo nas mellores condicións. Desta forma, considera que é preciso contar cuns profesionais ben equipados e preparados que conten co recursos necesarios para protexer e velar pola seguridade da cidadanía.

Na súa visita ao parque de bombeiros de Carballo no que traballan 18 bombeiros, que dan servizo a sete concellos da comarca de Bergantiños, puxo en valor o traballo destes profesionais que complementan o mapa de emerxencias da nosa comunidade xunto cos parques de bombeiros municipais, as agrupacións de voluntarios de Protección Civil ou os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia.

O parque comarcal de bombeiros de Carballo é un dos dez que integra o Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña, no que a Xunta e a Deputación coruñesa colaboran ao 50% no seu financiamento.

Imaxes relacionadas