A Xunta licita por preto de 470.000 euros as obras de execución dos itinerarios peonis e ciclistas en Fontán, e entre Mandín e As Torres, ao seu paso polos concellos de Sada e Oleiros

As empresas interesadas nesta actuación, que dispón dun prazo de execución de 4 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 18 de marzo

Trátase da execución de 2 itinerarios mixtos nas estradas autonómicas AC-163 e AC-182, de 2 metros de largo e que suman case 1 quilómetro de novas sendas

Na estrada que comunica Sada e Mera construirase un itinerario en Fontán pola marxe esquerda, salvo un pequeno tramo pola dereita, de 2 metros de largo e máis de medio quilómetro de lonxitude

O segundo treito irá pola marxe dereita da estrada que vai de Espírito Santo a Oleiros, desde Soñeiro e ata As Torres, á entrada de Oleiros, comunicando dous tramos que percorren este último municipio

Esta actuación enmárcase na estratexia da Xunta para a promoción de contornos urbanos seguros, onde se prima a mobilidade sustentable e a mellora da accesibilidade e calidade de vida da cidadanía

As obras forman parte do Plan de sendas na comarca da Coruña, que recolle a construción de 9 itinerarios e un investimento duns 5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2020

A Xunta licita por preto de 470.000 euros as obras de execución dos itinerarios peonís e ciclistas nas estradas autonómicas AC-163, en Fontán, e AC-182, entre Mandín e As Torres, ao seu paso polos municipios de Sada e Oleiros.
O anuncio, publicado hoxe na plataforma de Contratos Públicos de Galicia, sinala que as empresas interesadas nesta actuación poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 18 de marzo. E o prazo de execución dos traballos é de 4 meses.
Na estrada AC-163, que comunica Sada e Mera, construirase un itinerario peonil en Fontán, dende o punto en que finaliza a actual beirarrúa deste núcleo e a intersección coa estrada provincial DP-7506, no punto quilométrico 1+840.
Esta senda no municipio de Sada terá máis de medio quilómetro de lonxitude e executarase pola marxe esquerda da estrada, salvo un pequeno tramo pola dereita. O itinerario, de 2 metros de largo, será de formigón coloreado. Ademais executaranse tamén obras complementarias, como a instalación de rede de drenaxe e a reposición de peches e accesos afectados.
O segundo treito executarase na marxe dereita da estrada AC-182, de Espírito Santo a Oleiros. A intervención iníciase en Soñeiro, no punto en que rematan as actuais beirarrúas no límite entre os concellos de Sada e Oleiros, e finaliza nas Torres, á entrada de Oleiros, comunicando dous tramos que percorren este último municipio.
Esta nova senda, que xa conta nalgúns subtramos con beirarrúas que se integran no tramo, fai preciso executar un itinerario de 340 metros de lonxitude. Neste caso a sección tipo contará tamén con 2 metros de largo, e nos últimos 100 metros irá separada da calzada mediante unha cuneta transitable para resolver o desaugue das augas pluviais. A estrada xa conta con rede de pluviais, polo que unicamente será necesario colocar algún sumidoiro adicional.
Estas actuacións impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade están enmarcadas na estratexia deseñada pola Xunta para a promoción de contornos urbanos seguros, fomento da mobilidade sustentable e a mellora da accesibilidade e calidade de vida da cidadanía.
En concreto as novas sendas forman parte do Plan de sendas de Galicia, na comarca da Coruña, que recolle a definición de 6 proxectos que suman case 7 novos quilómetros de novas sendas e un investimento superior aos 5 millóns de euros. A execución destas actuacións será cofinanciada con fondos FEDER 2014/2020.