O presidente da Xunta asistiu esta tarde ao acto de entrega dos IV Premios Redacción Médica á Sanidade de Galicia

Feijóo destaca o compromiso dos profesionais do Servizo Galego de Saúde cunha Sanidade Pública innovadora e en permanente mellora

Incide en que galardóns como os deste xornal constatan a dedicación de todo o persoal sanitario en todas as frontes

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso dos profesionais do Sistema Galego de Saúde cunha Sanidade Pública innovadora e en permanente mellora.

Durante o acto de entrega dos IV Premios Redacción Médica á Sanidade de Galicia, Feijóo aseverou que premios coma estes constatan a dedicación e o traballo de todo o persoal do Servizo Galego de Saúde e en todas as frontes. Deste xeito, referiuse ao galardoado Joaquín Cubiella Fernández, que exerce no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e que leva anos traballando na identificación de novos marcadores non invasivos para detectar o cancro de colon ou para a súa prevención.

Así mesmo, destacou o labor do proxecto Nursing Now, ao que se adheriron tanto a Consellería de Sanidade como os colexios de enfermaría das catro provincias, e cuxo obxectivo é salientar o importante papel que realizan estes profesionais, apostando polo seu liderado para mellorar a calidade dos coidados e a saúde da poboación. E destacou o traballo dos farmacéuticos galegos que lideran o Programa de prácticas seguras en pacientes con medicamentos de uso crónico, que conseguiu reducir na Comunidade o número de pacientes en risco potencial polo consumo de medicamentos.

No tocante á Atención Primaria, resaltou o galardón ao Centro de Saúde de Abegondo, pola posta en marcha da receita deportiva. Unha iniciativa que empeza cunha visita ao médico do centro de saúde, que decide se o paciente necesita actividade física e de que tipo. E despois, remítese ao servizo municipal de deportes e esténdense unhas pautas que se controlarán regularmente.

Neste mesmo eido, referiuse tamén ao proxecto gañador na categoría de Administración sanitaria chamado Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde, que aposta por que a atención primaria sexa o eixe da sanidade. E, no eido da atención hospitalaria, destacou a importancia do Plan galego de hospitalización a domicilio, que ampliará estes coidados ao 100% do territorio, os 365 días ao ano.

Por outra banda, na categoría de Servizo Hospitalario, lembrou o recoñecemento aos servizos de Aparato dixestivo, Cirurxía xeral e dixestiva, Farmacia e Radiodiagnóstico do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Logo de salientar, tamén, os premios ás áreas sanitarias de Lugo, A Mariña e Monforte grazas ao sistema Hermes, o presidente da Xunta resaltou o premio de innovación ao Hospital Clínico de Santiago, por incorporar unha técnica de cirurxía radioguiada intraoperativa para tumores pulmonares reducidos. “E se falamos de tecnoloxía temos que poñer en valor o premio da posta en marcha no Sergas do contrato para a detección do cancro baseándose na análise de imaxes empregando técnicas de intelixencia artificial”, dixo.

En relación á prevención e sensibilización, Feijóo valorou o recoñecemento ao Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal, así como ao convenio para combater e perseguir como delito as agresións físicas ou verbais aos facultativos, firmado polo fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes e os presidentes dos Colexios de médicos das catro provincias.

O responsable do Goberno galego salientou o traballo da tamén premiada Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidades Mentais de Galicia, así como a traxectoria da Sociedade Galega de Patoloxías Respiratorias, Sogapar, que agrupa a médicos de toda Galicia con especial interese polo estudo das enfermidades do aparato respiratorio, poñendo de manifesto a vocación de mellora dos facultativos galegos. Ademais do recoñecemento ao labor da Asociación de Médicos Galegos; a Povisa, polo seu plan de eficiencia enerxética nas instalacións, e ao traballo de Roberto Valdés, xefe do servizo de Otorrinolaringoloxía deste hospital.

Imaxes relacionadas