A Xunta aproba a declaración de cinco novas aldeas modelo e dun proxecto piloto de polígono agrario en concellos de Ourense e Lugo

O proxecto de mobilización sitúase no municipio ourensán da Arnoia e as aldeas modelo nos concellos lucenses da Pobra de Brollón e Folgoso do Courel, así como nos ourensáns de Pereiro de Aguiar, Quintela de Leirado e Toén

Ascenden así a 11 as aldeas modelo declaradas en toda Galicia ata o momento, ás que se suma un proxecto piloto de polígono agrario

A Consellería do Medio Rural recibiu xa 60 solicitudes para poñer en marcha aldeas modelo, das que están en trámite máis de 20

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2020

O Consello Reitor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), presidido polo conselleiro do Medio Rural, José González, aprobou hoxe formalmente a declaración de cinco novas aldeas modelo e dun proxecto piloto de polígono agrario en Galicia. Trátase das aldeas modelo de Parada dos Montes (A Pobra de Brollón) e Moreda (Folgoso do Courel), na provincia de Lugo; e as de Reboredo (Pereiro de Aguiar), Xacebáns (Quintela de Leirado) e Trelle (Toén), na de Ourense. En canto ao proxecto piloto de mobilización de terras, levarase a cabo en Remuíño, no concello ourensán da Arnoia.

Estes núcleos suporán actuar en case 200 hectáreas, correspondentes a algo máis de 3300 parcelas de preto de 800 propietarios. Súmanse ás cinco aldeas modelo ourensás e unha lucense aprobadas a finais de 2019, co que ascenden xa a 11 as declaradas no total da comunidade ata o momento.

As aldeas modelo son proxectos de mobilización de terras dirixidos á recuperación produtiva de zonas maioritariamente abandonadas, na contorna de núcleos de poboación, de xeito que esa posta en valor sirva tamén para previr os incendios forestais nesas zonas. As características das aldeas aprobadas hoxe son as seguintes:

  1. Aldea modelo de Parada dos Montes, no concello lucense da Pobra de Brollón. Actuarase nunha superficie de 15,55 hectáreas correspondentes a 293 parcelas de 75 propietarios. Dedicarase preferentemente á produción de vacún en extensivo.
  2. Aldea modelo de Moreda, no municipio lucense de Folgoso do Courel. Trátase dunha zona de actuación de 38,86 hectáreas de superficie nun total de 37 parcelas de 7 propietarios. Dedicarase á produción extensiva de porcino autóctono, aproveitando un bosque de aciñeiras único no seu xénero nesa área de Galicia.
  3. Aldea modelo de Reboredo, no concello ourensán de Pereiro de Aguiar. Actuarase nun total de 11,77 hectáreas de superficie repartidas en 225 parcelas de 111 propietarios. Dedicarase preferentemente á produción cárnica extensiva e froitícola.
  4. Aldea modelo de Xacebáns, no municipio ourensán de Quintela de Leirado. Trátase dunha zona de actuación de 32,67 hectáreas de superficie correspondentes a 622 parcelas de 132 propietarios. Dedicarase preferentemente á produción cárnica extensiva.
  5. Aldea modelo de Trelle, no municipio ourensán de Toén. Actuarase en 29,37 hectáreas de superficie nun total de 649 parcelas de 176 propietarios. Dedicarase preferentemente á produción de castiñeiros e á produción cárnica extensiva de porcino autóctono.

No que atinxe ao proxecto piloto de polígono agrario do concello ourensán da Arnoia, trátase de 43,64 hectáreas correspondentes a 1481 parcelas de 276 propietarios. Dirixirase á produción hortícola.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural recibiu xa 60 solicitudes para poñer en marcha aldeas modelo en distintos puntos de Galicia. Delas, atópanse en trámite máis de 20, que suporán a posta en valor, xunto coas xa aprobadas, de máis de 1000 hectáreas repartidas en case 18.000 parcelas duns 4500 propietarios.

Imaxes relacionadas