Galicia destinará este ano 27 millóns de euros a incentivar a economía social, un 17% máis que en 2019

Feijóo estima que este orzamento posibilite a inserción laboral ou o mantemento de 3.500 empregos

A principal novidade deste ano é unha iniciativa que ten como finalidade formar durante dous anos a 500 persoas que perciben a Risga

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2020

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, dixo hoxe, na rolda de prensa do Consello, que Galicia destinará este ano 27 millóns de euros a incentivar o modelo de economía social, o que supón un 17% máis que en 2019.

O presidente da Xunta estimou que este orzamento posibilite a inserción laboral ou o mantemento de 3.500 empregos no ámbito da economía social en Galicia.

A principal novidade deste ano é unha iniciativa que ten como finalidade formar durante dous anos a 500 persoas que perciben a Risga. Cun orzamento de 3 millóns de euros, o obxectivo é que “vaian desprendéndose da Renda de Integración Social e a vaian substituíndo por un salario en base ao traballo realizado, unha vez que teñan a formación necesaria para poder facelo”, aseverou Feijóo.

Por outra banda, destaca a próxima posta en marcha do Catálogo de entidades da economía social así como a modernización dos rexistros actuais co obxectivo de axilizar os trámites relativos á constitución e funcionamento das cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción.

No que vai de ano o Goberno galego xa activou 7 millóns de euros correspondentes a cinco convocatorias de axudas. Trátase do programa Aprol Economía Social que conta con 3 millóns de euros para incorporar 280 persoas a 110 cooperativas ou sociedades laborais. Tamén se destinan axudas a empresas de inserción e a entidades colaboradoras da Rede Eusumo, así como para o funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais e centros especiais de emprego.

Imaxes relacionadas