A Xunta aposta pola formación especializada para mellorar a xestión das emerxencias transfronteirizas

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe aos profesionais e voluntarios dos servizos de Protección Civil e emerxencias que están a formarse nun simulacro sobre como intervir en situacións multirisco

A actividade formativa inclúese nos cursos e simulacros do proxecto ARIEM+ nos que participarán 300 membros de 20 servizos operativos de Galicia, Castela e León e Portugal

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 20 de febreiro de 2020

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe as vantaxes da formación especializada para acadar unha maior eficiencia na atención e a xestión das emerxencias transfronteirizas. Por iso, sinalou a importancia de levar a cabo accións formativas conxuntas entre os servizos de emerxencias nas zonas entre Galicia e Portugal para intercambiar e actualizar coñecementos, fomentar o traballo compartido en distintos tipos de intervencións e probar o material co que traballan os efectivos a ambos lados da fronteira.

Así o expuxo na súa visita hoxe aos 30 profesionais e voluntarios de Protección Civil e emerxencias de Galicia, Castela e León e Portugal que se están a formar nas instalacións da empresa Seganosa nun simulacro derivado da estandarización de protocolos operativos e tácticas de actuacións ante situacións multirrisco. Á visita tamén acudiron o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, e o subdirector xeral de Planificación e Protección Civil, José Antonio Grandas.

Esta actividade inclúese na formación especializada promovida pola Xunta que se imparte no marco do proxecto europeo ARIEM+ de cooperación transfronteiriza en emerxencias financiado ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Interreg España-Portugal. Máis de 300 membros de 20 servizos de emerxencias que dan cobertura a zonas da fronteira entre España e Portugal participarán nos cinco simulacros e cinco cursos previstos neste programa.

No simulacro que se está a realizar en Salvaterra de Miño, os alumnos poden comprobar os resultados da aplicación de protocolos operativos coa participación de servizos de emerxencias transfronteirizos e os beneficios do traballo de forma coordinada.

Nos outros exercicios prácticos desta formación especializada, os participantes adquirirán coñecementos sobre a posta en marcha dunha Rede de Mando Operativo Único para coordinar emerxencias de envergadura e aprenderán a manexar as tecnoloxías dispoñibles para empregar nestas situacións. Ademais, noutros cinco cursos coñecerán tamén protocolos comúns ante situacións multirisco, os novos dispositivos que se poidan incorporar aos servizos e os aspectos xurídicos a ter en conta na mobilización de medios fóra das fronteiras nacionais para a xestión de emerxencias en grandes catástrofes transfronteirizas.

O director xeral de Emerxencias incidiu en que estas actividades contribúen a aumentar a capacidade de adaptación dos servizos de emerxencias fronte os riscos naturais transfronteirizos provocados polo clima ou as actividades humanas. No marco do proxecto ARIEM+, a Xunta e os seus socios de Castela e León e Portugal traballan na xestión conxunta dos recursos humanos e materiais en situación de risco para mellorar a atención e a coordinación das emerxencias, xunto coa identificación dos riscos da zona e a posta en marcha dun plan de actuación contra eles.

Imaxes relacionadas