Un total de 12 empresas presenta as súas ofertas para executar dúas sendas peonís na estrada OU-537, en San Cibrao das Viñas, e na OU-536, na Derrasa, no Pereiro de Aguiar

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinará á actuación un investimento de máis dun millón de euros, no que se inclúe o pagamento aos titulares das 45 fincas necesarias para a súa execución

Un dos itinerarios desenvolverase na marxe dereita da estrada OU-537, a vía dos parques empresariais, cunha lonxitude de máis de 2 quilómetros, entre a intersección coa OU-101, na Medorra, e o cruce coa OU-536, na Derrasa

A outra senda acometerase na marxe esquerda da OU-536, desde o punto quilométrico 7+080, á altura da ponte sobre o río Loña, ata o paso de peóns do punto 8+080, na Derrasa

As sendas irán separadas da calzada por unha cuneta de seguridade e por unha banda axardinada nalgúns tramos, segundo as necesidades de cada subtreito

Estas intervencións se enmarcan no Plan de Sendas para a comarca de Ourense

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

Un total de 12 empresas presenta as súas ofertas para executar o itinerario peonil e ciclista na estrada OU-537, na contorna dos parques empresariais, e outro na OU-536, na Derrasa, nos municipios de San Cibrao das Viñas e do Pereiro de Aguiar.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinará á actuación un investimento de máis dun millón de euros, no que se inclúe o pagamento aos titulares das 45 fincas necesarias para a súa execución.

Trátase da execución de dous treitos de senda mixta peonil e ciclista, segura e accesible, nestas vías autonómicas.

O proxecto define un itinerario na marxe dereita da estrada autonómica OU-537, a vía dos parques empresariais, cunha lonxitude aproximada de máis de 2 quilómetros, entre a intersección coa OU-101, na Medorra, e a intersección coa OU-536, na Derrasa.

A outra senda proxéctase na marxe esquerda da OU-536, desde o punto quilométrico 7+080, á altura da ponte sobre o río Loña, no trazado da antiga estrada, frecuentada por peóns pola proximidade do encoro de Cachamuíña, ata o paso de peóns do punto 8+080, na Derrasa.

As sendas terán un ancho mínimo de 1,8 metros na OU-537 e de 2,5 metros na OU-536, e irán separadas da calzada por unha cuneta de seguridade e por unha banda axardinada nalgúns tramos, segundo as necesidades de cada subtreito. Executaranse con formigón coloreado.

Plan de sendas

Estas actuacións, que serán cofinanciadas con Fondos Feder 2014/2020 para o fomento da mobilidade sustentable, están enmarcadas no Plan de sendas na comarca de Ourense.

Este plan ten como obxectivo incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas. Tamén busca promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.