O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe a entidade compostelá

Política Social destaca o labor da Asociación Centinelas no apoio ás mulleres e familias en situación de vulnerabilidade

Esta asociación presta atención a máis dun centenar de familias de Santiago de Compostela e concellos limítrofes

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou o labor que realiza a Asociación Centinelas no apoio ás mulleres e familias en situación de vulnerabilidade. Fíxoo esta mañá durante unha visita ás instalacións que esta entidade ten en Santiago de Compostela.

Durante a visita, Arturo Parrado tivo a oportunidade de compartir opinións cos usuarios que na actualidade participan no obradoiro de preparación para o emprego e tamén puido comprobar o labor que realiza a entidade co servizo de conciliación familiar, na que atenden a pequenos e pequenas de familias que o precisan.

Así mesmo, o director xeral de Inclusión Social mantivo unha reunión con representantes desta asociación para coñecer de primeira man os programas que están a realizar e tamén as diferentes propostas que para mellorar a atención das persoas en situación de risco.

Na actualidade a Asociación Centinelas presta atención a máis dun centenar de familias residentes en Santiago e concellos limítrofes. Conta cun equipo humano cualificado para ofrecer unha atención integral que inclúe apoio psicolóxico, mediación familiar e intercultural, espazos para a conciliación familiar, formación, atención socioeducativa a menores, entre outros servizos. Ademais, xestiona un banco de recursos e axudas de atención básica á infancia, no que participa persoal voluntario.

Imaxes relacionadas