A conselleira de Política Social participou hoxe na xornada sobre o reto demográfico e benestar infantil organizada por Save the Children

Fabiola García expón en Madrid os avances en materia de conciliación e demografía impulsados en Galicia

Referiuse ás iniciativas impulsadas no rural, como as casas niño e casas do maior, así como á aprobación do proxecto da primeira Lei de impulso demográfico de España

Defendeu a necesidade de poñer en marcha unha estratexia nacional que axude a unificar criterios e coordinar actuacións

Madrid, 19 de febreiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, expuxo esta mañá en Madrid as medidas impulsadas pola Xunta de Galicia en materia de conciliación e demografía. Fíxoo durante a súa intervención na xornada sobre o reto demográfico organizada por Save the Children e que compartiu con Vesna Loncaric, representante da Vicepresidencia de Demografía e Democracia da Comisión Europea; e con Ignacio Álvarez Peralta, secretario de Estado de Dereitos Sociais.

A conselleira referiuse á aprobación no Consello da Xunta da primeira Lei de impulso demográfico de España, que xa foi remitida ao Parlamento de Galicia. Unha normativa que, explicou, ordena e dá coherencia a un conxunto de medidas económicas, en materia de conciliación, de apoio a xuventude, de equilibrio territorial e de envellecemento activo e saudable.

Deu a coñecer a posta en marcha das casas niño e casas do maior nos concellos máis pequenos para que as familias que residen nestes territorios conten con recursos de conciliación para a atención á infancia e ás persoas maiores. Referiuse tamén á gratuidade, a partir do vindeiro 1 de abril, das escolas infantís públicas autonómicas, de iniciativa social e privadas para as familias con segundos fillos e sucesivos.

Fabiola García defendeu tamén a necesidade de impulsar definitivamente a Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico, para que axude a unificar criterios entre as diferentes Administracións públicas e coordinar as diferentes actuacións que se están a poñer en marcha.

Imaxes relacionadas