A Xunta renova a colaboración coas universidades galegas para organizar actividades de formación

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu á sinatura do convenio entre a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e os reitores das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo

O persoal de administración e servizos das universidades poderá optar a máis dun milleiro de prazas de 19 cursos específicos para este colectivo, ademais de participar nos programas de ofimática, idiomas e igualdade da EGAP

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á sinatura do convenio entre a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e as tres universidades galegas para renovar a colaboración para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, co obxectivo de aproveitar as sinerxías e os recursos destas institucións.

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos asinou o acordo xunto cos reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e de Vigo, Manuel Reigosa.

A través deste convenio, o persoal de administración e de servizos das tres universidades galegas poderá acceder a cursos de formación continua específicos para eles, e ademais poderán participar nas actividades comúns do Plan formativo ofimático de Galicia, do Portal de Idiomas e os cursos de igualdade e violencia de xénero que oferta a EGAP no marco do seu Plan Anual de Formación.

Desta forma, este acordo permite á EGAP dar acceso a estes traballadores a unha formación de calidade e actualizada sobre materias relacionadas coa Administración e o seu funcionamento. No resto de actividades como os cursos de verán tamén poderán participar os demais membros da comunidade universitaria como profesores e alumnos, xunto con empregados públicos das Administracións galegas.

Desde o ano 2014, a Escola Galega de Administración Pública programou para o persoal de administración e de servizos das universidades, mediante este convenio, un total de 190 cursos con case 9.500 prazas. En concreto, para este 2020 no que se renova o acordo por sexto ano consecutivo, convocaranse 19 edicións de case un milleiro de prazas, ademais do acceso deste persoal aos programas de ofimática, idiomas, e igualdade ofertados pola Escola.

Entre a formación reservada para o persoal do sistema universitario galego destacan materias como a contratación pública ou a protección de datos, ademais de cursos específicos sobre prevención da violencia de xénero e enfoque de xénero neste ámbito.

Estas actividades inclúense no Plan de Formación da EGAP para este ano, no que se prevé a convocatoria de 580 cursos e 28.377 prazas para o persoal da Administración autonómica e das tres universidades galegas, ademais de persoal da Administración local, da Xustiza e ao servizo das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galicia. O plan formativo deste 2020 incide un ano máis na formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero, cun total de 55 cursos nesta materia.

Imaxes relacionadas