O presidente da Xunta recibiu hoxe a Benedicta Sánchez, gañadora do premio Goya á mellor actriz revelación

Feijóo destaca a humildade e o traballo de Benedicta Sánchez, unha muller singular que se converteu en exemplo para todos os galegos

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, recibiu esta mañá a Benedicta Sanchez, a quen lle trasladou o seu recoñecemento en nome de todos os galegos. Durante este encontro destacou a humildade e o traballo desta muller singular, cunha historia singular e que xa se converteu, dixo, nun exemplo para todos os galegos.

“Benedicta representa na súa persoa algunha das cousas máis importantes de Galicia”, aseverou, referíndose a esa Galicia emprendedora que acredita que non hai límite de idade para triunfar.

Así mesmo, salientou que esta actriz revelación forma parte tamén da Galicia rural traballadora, “onde nacemos”. “E representa tamén a Galicia da emigración, xa que estamos a falar dunha galega que estivo en Brasil, que volveu e que nunca perdeu o seu amor incondicional por Galicia”.

Por outra banda, puxo en valor o bo momento que vive o audiovisual galego con presenza, en 2019, en máis de 15 festivais e mercados internacionais.

Nesta liña, referiuse como exemplo a gran acollida que tivo O que arde, o filme de Oliver Laxe, que recibiu o pasado ano o premio do xurado nunha das seccións do Festival de Cannes e dous Premios Goya, concedidos a Mauro Herce, director de fotografía, e a Benedicta Sánchez, como actriz revelación.

Feijóo concluíu subliñando que Benedicta Sánchez “representa, en definitiva, a cultura de Galicia, esa cultura que caracteriza a nosa forma de vivir e de entender o mundo”, abundou, recordando que esta muller galega, emprendedora, emigrante e do rural, e que representa a Galicia sempre que ten oportunidade, conta tamén coa Medalla Castelao.
 

Imaxes relacionadas