A Xunta inicia a construción do primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia no barrio da Residencia de Lugo

Este proxecto, cun investimento de máis de 11,4 millóns de euros, dispón dun prazo de execución duns 20 meses

A nova infraestrutura aproveita o espazo do antigo hospital materno-infantil para acadar un edificio de máis de 8.000 m2

Esta semana comezará a desmontaxe do interior do edificio para realizar a continuación as demolicións e a execución das obras

O novo edificio, distribuído en 6 plantas, contará con centro de saúde, PAC e urxencias, área para Saúde Mental e unha base para o 061

A intervención forma parte do proxecto da Xunta para dotar o barrio de servizos públicos, do ámbito socio-sanitario, cun orzamento de 30 millóns de euros

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de execución do primeiro Centro Integrado de Saúde de Galicia no barrio da Residencia de Lugo.

Os traballos están a comezar pola desmontaxe do interior do edificio do antigo hospital materno-infantil, para realizar a continuación as demolicións precisas.

Estas actuacións foron adxudicadas á empresa Acciona Construcción por un investimento de máis de 11,4 millóns de euros e dispoñen dun prazo de execución duns 20 meses.

A nova infraestrutura aproveita o espazo do antigo hospital materno-infantil para acadar un edificio de máis de 8.000 m2, distribuído en 6 plantas e que contará con centro de saúde, servizo de PAC e urxencias, área para Saúde Mental e unha base para o 061.

Esta intervención tamén define a urbanización do ámbito do edificio e as súas áreas de contacto coa cidade co obxectivo de reordenar os accesos ao novo centro sanitario.

As obras forman parte dun ambicioso proxecto do Goberno galego para a recuperación deste barrio, cun investimento de máis de 30 millóns de euros, que permitirá poñer á disposición dos lucenses case 21.000 metros cadrados dun novo espazo social.

Ademais deste centro de saúde, esta aposta da Xunta inclúe outras edificacións para servizos públicos, fundamentalmente do ámbito socio-sanitario, como unha nova residencia da 3ª idade, promovida pola Consellería de Política Social e que se levantará sobre parte da parcela do antigo hospital que se está demolendo.

Esta actuación tamén contemplará a dotación da zona de aparcamento de todo o ámbito, xa que está previsto que se habiliten máis de 100 prazas baixo o que será a futura residencia.

 

No proxecto tamén se prevé a execución dunha nova comisaría, cuxa tramitación lle vén solicitando a Xunta ao Goberno estatal.

Ademais este espazo albergará unha oficina de emprego, unha central de biomasa -que dará servizo ao complexo-, e un centro de emprendemento.