A Xunta inicia as obras de renovación de beirarrúas e rede de pluviais na estrada autonómica AC-550 ao seu paso polo Concello de Ribeira, entre Padín e Deán Pequeno

A actuación impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dispón dun investimento de preto de 250.000 euros, e os traballos dispoñen dun prazo de execución duns 3 meses

A intervención consiste na mellora e reposición da beirarrúa deteriorada nesta vía, na súa marxe esquerda no tramo de acceso á vila que coincide coa avenida de Ferrol, e na súa marxe dereita entre os puntos quilométricos 107+460 e 107+870

Na actuación destaca a substitución do pavimento e colocación de novas baldosas e bordos, a modificación dos pasos peonís actuais e a mellora da drenaxe da estrada

O departamento de Infraestruturas impulsa estas obras para mellorar e conservar a súa rede viaria, facendo estradas cómodas e máis seguras para todos os usuarios

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

A Xunta inicia as obras de renovación de beirarrúas e pluviais na estrada autonómica AC-550 ao seu paso polo Concello de Ribeira, entre Padín e Deán Pequeno. vén de adxudicar por case 250.000 euros
Os traballos, adxudicados por preto de 250.000 euros á empresa Construcciones Taboada y Ramos, S.L., teñen un prazo de execución duns 3 meses.
A intervención impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade consiste na mellora e reposición de toda a beirarrúa deteriorada da AC-550, na súa marxe esquerda no seu acceso á poboación -entre os puntos quilométricos 107+320 e 107+870-, na Avenida de Ferrol. Tamén na súa marxe dereita actuarase entre os puntos quilométricos 107+460 e 107+870.
Os traballos inclúen a substitución do pavimento, colocando novas baldosas de formigón en branco ou gris e novos bordos. Poñeranse a cota do novo pavimento as arquetas e os pozos de rexistro nas zonas de actuación, e modificaranse os pasos peonís actuais.
Ademais, mellorarase a drenaxe, aumentando o número de sumidoiros na marxe esquerda de modo que a separación entre eles sexa menor de 30 metros. Pola súa parte, a marxe dereita carece de sumidoiros, polo que é preciso instalar un novo colector de pluviais conectado mediante pozos de rexistro a novos sumidoiros.
Entre os puntos quilométricos 107+700 e 107+775 o colector de fecais atopase en mal estado polo que se procederá a súa reposición.
Con estas actuacións o departamento de Infraestruturas da Xunta continúa a traballar para mellorar e conservar a rede viaria autonómica, ofrecendo unhas estradas cómodas e seguras para todos os seus usuarios e fomentando o desenvolvemento económico e social dos municipios.

Imaxes relacionadas