A conselleira de Política Social, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, participou neste acto polo Día Internacional do Síndrome de Asperger

Fabiola García salienta o traballo da Federación Autismo Galicia pola inclusión das persoas con Asperger na inauguración da mostra 'Un de cen'

Subliña os avances acadados polas asociacións que conformaron esta federación hai xa 25 anos

Destaca a constancia e superación das persoas con Trastorno de Espectro Autista e as súas familias para dar visibilidade a este síndrome

Vigo, 18 de febreiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou o traballo da Federación Autismo Galicia pola inclusión das persoas con Asperger. Fíxoo na inauguración da mostra Un de cen, que tivo lugar na sede de Afundación en Vigo e na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na cidade olívica, Corina Porro.

Fabiola García destacou que as 40 obras que conforman esta exposición itinerante, que pasou por diferentes concellos de Galicia, achegan a visión propia que teñen os seus autores, usuarios das diferentes asociacións que forman parte da Federación, sobre a realidade. “As imaxes desta mostra amosan o que estas persoas son, o que queren, o que senten e o que son capaces de facer”, manifestou.

A conselleira de Política Social agradeceu á Federación Autismo Galicia os seus 25 anos de traballo en beneficio das persoas con Trastorno de Espectro Autista (TEA), así como ás familias pola súa constancia e esforzo por dar visibilidade a este síndrome. Reivindicou que as persoas con TEA levan anos superando obstáculos e dando leccións ao conxunto da sociedade galega.

Así mesmo, Fabiola García subliñou que Galicia sempre estará ao carón das persoas con TEA, posto que esta é unha comunidade acolledora onde todas as persoas teñen as mesmas oportunidades.

Imaxes relacionadas