A Xunta e representantes do sector inician as reunións de traballo cara ao Plan integral da danza en Galicia

A primeira xuntanza celebrouse hoxe coa participación do director da Agadic e responsables de colectivos, compañías, festivais e espazos escénicos

Presentóuselles unha proposta de documento a partir da que se organizarán varias mesas específicas arredor dos ámbitos de creación e produción, distribución e difusión, formación e de desenvolvemento do plan resultante

O proceso avanzará ampliando as garantías de acceso e representatividade respecto a todos os axentes interesados, e co compromiso de posibilitar as dotacións necesarias para materializar os acordos
 

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

O Plan Integral da Danza en Galicia iniciou hoxe o camiño cara á súa materialización consensuada co sector cunha primeira reunión de traballo á que asistiron representantes de colectivos, compañías, festivais e espazos escénicos.

Ademais do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asistiron a esta xuntanza Diego Meizoso por Escena Galega, Cristina Vilariño e Ania González pola Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego, Quique Peón por Xacarandaina, Pedro Fresneda por Teatro Ensalle, Marta Alonso polo festival Corpo(á)Terra e Paulo Rodríguez polo Teatro Rosalía Castro da Coruña.

A Consellería de Cultura e Turismo elaborou para esta primeira mesa de traballo un documento a partir do que iniciar este proceso de xeito compartido, participativo e transparente cara á redacción final dun Plan Integral para a Danza, co que se quere dar resposta as necesidades deste sector en Galicia.

Obxectivos prioritarios

Neste sentido, os seus obxectivos prioritarios serán dar a coñecer todos os recursos existentes do sector e afondar nas súas potencialidades, impulsando a investigación e a reflexión; apoiar e impulsar o talento e o proceso creativo; fortalecer a industria cultural arredor da danza; e estender a súa produción, distribución e difusión por todo o territorio galego, propiciando a creación de novos públicos.

Tamén se enumeran como finalidades fomentar a proxección exterior das compañías galegas, canalizar accións que potencien o ámbito formativo e deseñar medidas que favorezan unha maior colaboración entre as administracións e todos os axentes implicados no sector.

Todas as garantías de representatividade e participación
Arredor destes apartados, unha das primeiras medidas adoptadas na reunión foi o artellamento dun procedemento máis amplo de participación do sector, consensuado entre todos os presentes, e que este se realice coas máximas as garantías de acceso, representatividade e transparencia. Como punto de partida, o director da Agadic asumiu, ademais, o compromiso de adecuar, tanto na parte económica como de persoal, as dotacións de Agadic para materializar os programas e accións resultado destas xuntanzas, no horizonte de desenvolvemento do plan.

O proceso de redacción do documento final continuará nas vindeiras semanas coa convocatoria das posteriores mesas de traballo nos seguintes ámbitos específicos: creación e produción, distribución e difusión, formación, así como a que se destinará a debater, avaliar e consensuar o documento final que lle dará forma ao Plan Integran para a Danza de Galicia.