A Xunta lamenta a renuncia do Concello de Caldas de Reis a acoller un Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES)

A decisión do alcalde debe ser remitida á Comisión de Seguimento dos GES, que acordara por unanimidade a creación do servizo en Caldas co apoio de Xunta, Deputacións e Fegamp

Vicepresidencia recorda que as condicións para Caldas eran as mesmas que no resto de Galicia e mostra a súa preocupación polos dous meses perdidos no proceso

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

A Xunta de Galicia lamentou hoxe a renuncia do Concello de Caldas a ser sede dun Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES). A decisión de crear o servizo en Caldas fora acordada por unanimidade na Comisión de Seguimento dos GES, integrada pola Administración autonómica, Deputacións e Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). De feito, o propio alcalde de Caldas trasladara publicamente o seu desexo de acoller un GES.

A nova decisión do rexedor debe ser remitida á Comisión de Seguimento para que se aborde unha ubicación alternativa, xa que o que non pode ocorrer en ningún caso é que a comarca de Ulla Umia se manteña sen cobertura de emerxencias como leva ocorrendo durante todo 2020. De feito, Vicepresidencia mostrou a súa preocupación polos dous meses perdidos desde que en decembro se adoptou a decisión de crear un GES en Caldas ata o cambio de postura materializado esta semana polo Concello.

As condicións que se lle ofrecían a Caldas eran as mesmas que en calquera outro concello de Galicia que conte cun GES, un servizo que permite dotar de medios profesionais en materia de emerxencia a aqueles municipios que o acollen.

Os GES comezaron a funcionar na nosa comunidade no ano 2013, complementando o mapa de emerxencias que cubre o territorio galego, e ofrecendo así unha resposta áxil e eficaz a todos os cidadáns galegos ante calquera incidencia. A súa posta en marcha foi consensuada entre Xunta, Deputacións e concellos. O goberno galego, ademais de colaborar financeiramente no mantemento deste servizo, encárgase da formación do persoal a través da Academia Galega de Seguridade Pública e cédelles equipamento e material de atención ás emerxencias.