O presidente da Xunta visitou esta mañá as instalacións de Areíña de cores

O DOG publica a apertura do prazo para abrir novas casas niño nos 23 concellos que aínda non dispoñen dunha opción para conciliar

Feijóo refírese á Casa Niño de Dumbría como un exemplo da aposta polo rural coa creación de servizos onde antes non existían

Incide na necesidade de seguir traballando desde todos os eidos para dinamizar as zonas rurais

Dumbría (A Coruña) , 18 de febreiro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, lembrou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a apertura do prazo para abrir novas casas niño nos 23 concellos que aínda non dispoñen dunha opción para conciliar.

Con esta convocatoria, publicada hoxe no DOG, crearanse 115 novas prazas de atención á infancia de 0 a 3 anos, que serán 100% gratuítas para todas as familias usuarias.

Durante unha visita ás instalacións de Areíña de cores, Feijóo incidiu en que coa creación e apertura destes centros, os seus responsables poñen de manifesto o compromiso para crear no rural servizos inexistentes ou para lanzar tamén proxectos de transformación que axuden a crear valor engadido.

Así mesmo, fixo fincapé na importancia de que as administracións públicas apoien ás persoas que dean este paso, proporcionando todas as facilidades posibles, co obxectivo de que todos os municipios de Galicia, que non conten cunha escola infantil ou punto de atención á infancia, teñan un recurso de conciliación.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á Casa Niño de Dumbría, como un exemplo da aposta polo rural coa creación de servizos onde antes non existían.

“Temos que seguir traballando desde todos os eidos para dinamizar as zonas rurais”, abundou, referíndose tamén a un sistema de mobilidade moderno e adaptado ao usuario, así como ao apoio de grandes e pequenos proxectos empresariais viables e con futuro.

Imaxes relacionadas