A conselleira de Educación participou na entrega dos premios deste certame

Máis de 120 rapazas e rapaces participan na fase local da II Olimpíada de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos

Os gañadores representarán a Galicia na final nacional desta competición

A Coruña, 18 de febreiro de 2020

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na entrega dos premios da fase local da II Olimpíada de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos, na que tomaron parte máis de 120 rapazas e rapaces de 2º de ESO de centros educativos de toda Galicia e que se celebrou na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade de Santiago de Compostela. No primeiro e segundo posto quedaron equipos procedentes do Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús (Pontevedra), mentres que no terceiro posto quedou un equipo do IES Terra de Trasancos (Narón). Os primeiros clasificados representarán a Galicia na final nacional desta competición.

Durante a súa intervención a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia felicitou os participantes por tomar parte nesta competición, na que “acabades de probar a vosa mentalidade científica, ordenada e crítica, clave non só neste concurso, senón para desenvolvervos como cidadáns nunha sociedade máis xusta, participativa e libre”. “Por iso apoiamos desde a Consellería este tipo de certames, porque nos permiten descubrir vocacións científicas e, a medio prazo, potencialas para seguir medrando como sociedade do coñecemento.”

Carmen Pomar destacou diante do alumnado que “ter formado parte deste reto é xa un premio” e agradeceu tamén o apoio dos docentes, “que vos acompañan hoxe, e que vos veñen guiando durante todo o camiño. Grazas, docentes, porque vós sodes o piar do sistema educativo”.

Esta Olimpíada, organizada por escolas de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos de diferentes puntos de España, avalía a capacidade de resposta rápida e intuición estrutural de diferentes grupos de estudantes de secundaria traballando en equipo, a súa actitudes diante dos problemas ou a adaptación a medios e ferramentas de traballo limitados.

Tanto a fase nacional como as locais están compostas por probas arredor da enxeñería de construción, de estruturas, hidráulica, gráfica, do transporte de mercancías e a loxística eficiente e dos proxectos asistidos por ordenador. Valórase o seu desenvolvemento no menor tempo posible

Imaxes relacionadas