A Xunta comeza as obras de saneamento de Santa María de Melide, que suporán un investimento de 116.000 euros

Augas de Galicia adaptou o proxecto ás exixencias do Ministerio de Fomento

As obras dotarán a parroquia dun novo sistema de saneamento que recolla as augas residuais urbanas naquelas vivendas carentes deste servizo e as conecte coa rede xeral

A Xunta proxectará outra actuación á marxe deste contrato para darlle unha solución de saneamento axeitada a unhas vivendas situadas a una notable diferenza de cota con respecto ás demais

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

A Xunta vén de iniciar as obras de saneamento na parroquia de Santa María, en Melide, que suporán un investimento autonómico de máis de 116.000 euros. Augas de Galicia deu comezo á actuación tras adaptar o proxecto ás exixencias marcadas polo Ministerio de Fomento.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, cofinanciará os traballos con fondos europeos FEADER, no marco do programa de desenvolvemento rural 2014-2020.

Os traballos consisten na construción dun sistema de algo máis de 1,4 km de lonxitude que recolla as augas residuais urbanas naquelas vivendas carentes deste servizo e a súa conexión a rede xeral existente. A parroquia de Santa María conta na actualidade cunha rede de saneamento na área que discorre pola marxe esquerda da estrada N-547 en dirección Santiago. Para mellorar esta situación, a intervención abarcará actuacións nas marxes esquerda e dereita da vía.

Nesta zona existen unhas vivendas situadas a una notable diferenza de cota con respecto ás demais, polo que se proxectará outra actuación á marxe deste contrato co fin de darlle unha solución de saneamento axeitada ás súas características.

Esta actuación enmárcase na cooperación da Xunta cos concellos galegos co obxectivo de que a cidadanía dispoña de servizos axeitados, especialmente á hora de garantir a calidade de vida dos veciños do rural.