Carmen Pomar visita o CEIP plurilingüe da Torre Cela (Bueu), que se está a iniciar no proxecto SEMGAL

Bueu (Pontevedra), 17 de febreiro de 2020

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, desprazouse esta mañá ata Bueu para visitar o CEIP Plurilingüe da Torre Cela, onde coñeceu de primeira man os proxectos educativos que se desenvolven neste centro e que abrangue un importante abano de programas impulsados por Educación no ámbito das bibliotecas escolares, da educación dixital, do plurilingüismo ou do desenvolvemento do talento e a inclusión, entre outros.

Como novidade, o centro estase iniciando na metodoloxía SEM, dentro do SEMGAL, o programa de Enriquecemento Escolar -baseado no modelo SEM (Schoolwide Enrichmet Model), adaptado a Galicia, co fin de avanzar no proceso de inclusión educativa e mellorar o rendemento académico do alumnado. O CEIP atópase no ano 0 deste proxecto, isto é, na fase de achegamento a este modelo.

Da man do equipo docente do centro, Carmen Pomar puido comprobar a actividade que desenvolve a través da súa biblioteca escolar, que exerce un papel central en canto ao seu proxecto pedagóxico. De feito, forma parte do Plambe, Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares, impulsado pola Consellería de Educación co fin de converter estes espazos en centros de recursos de lectura e de información e tamén de aprendizaxe a través da indagación e do traballo colaborativo, de adquisición de competencias dixitais e de inclusión.

Así mesmo, desde o pasado curso 2018-19 incorporouse ao programa Radio na Biblio, e este mesmo curso ao programa Biblioteca Creativa, que ten como obxectivo estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe da programación.

Eido dixital

No ámbito das tecnoloxías, o centro ten implantado desde o ano pasado o Edixgal, o modelo de ensino dixital, para o alumnado de 5º e 6º curso de Educación Primaria; e tamén forma parte da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe, co incorporación da ensinanza plurilingüe nas etapas de primaria e de infantil (co selo de centro Plurinfantil).

Así mesmo, dentro dos Contratos-Programa que a Xunta poñe á disposición dos centros escolares para mellorar o rendemento académico do alumnado, o CEIP da Torre Cela participa nas liñas 1 REFÓRZA-T (dirixida a alumnado con dificultades co obxecto de que reforcen as súas competencias en matemáticas, ciencia e tecnoloxía e en comunicación lingüística), a liña 2 de mellora das competencias clave co fin de elevar o nivel de éxito escolar, e a liña 4 CON-VIVE, enfocada á mellora da convivencia e a potenciación dun bo clima nas aulas a través do estímulo das competencias emocionais dos alumnos e a participación activa de familias, institucións e entidades.

Imaxes relacionadas