A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo esta mañá un encontro coas persoas que participan nesta iniciativa

Política Social salienta o labor dos oito correspondentes universitarios do Campus de Ferrol que dan a coñecer os programas destinados á mocidade

Este ano académico están inscritos neste programa 28 mozas e mozos que cursan titulacións na Universidade da Coruña, 72 no conxunto das tres universidades galegas

Recoñécelles o traballo que realizan a través dun certificado de educación non formal en materia de xuventude
 

Ferrol, 17 de febreiro de 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo esta mañá un encontro con oito estudantes do campus de Ferrol que actúan como Correspondentes universitarios ao difundir entre os seus compañeiros e amigos información sobre os programas da Xunta en materia de xuventude. Este curso académico son 28 as persoas que cursan distintas titulacións na Universidade da Coruña que están inscritos nesta proposta, 72 entre as tres universidades (25 da Universidade de Santiago de Compostela e 19 da de Vigo).

Cristina Pichel remarcou que a finalidade da iniciativa Correspondentes universitarios é que as medidas e programas de interese para a mocidade galega cheguen ao seu destinatario final: os mozos e mozas.

Estes correspondentes encárganse de difundir entre os seu compañeiros de estudos información que poida ser do seu interese, para o que ademais da transmisión directa en persoa tamén fan uso de redes sociais; xestionan regularmente un taboleiro ou sistema de divulgación da información na facultade e asisten ás reunións de coordinación que se convocan, así como aos cursos de formación organizados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Acreditación oficial

Estas persoas obteñen, en contrapartida pola súa actividade, unha serie de beneficios como recibir gratuitamente formación en materia de xuventude ou o carnés xove, o internacional de estudantes (ISIC) e o de alberguista durante o curso escolar no que estean inscritos no programa. Tamén se lles recoñece o tempo dedicado como persoas voluntarias, a experiencia e as competencias adquiridas a través do certificado de educación non formal en materia de xuventude.

 Entrega de diplomas

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado tamén participou esta mañá na entrega de diplomas a 12 usuarios da Asociación Sociocultural ASCM de Ferrol que realizaron en decembro un curso de voluntariado interxeracional. No curso, que se impartiu no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia na cidade departamental, coñecéronse contidos como as claves do envellecemento activo, os beneficios do voluntariado interxeracional ou diferentes proxectos de acompañamento, entre outros.
 

Imaxes relacionadas